martes, xuño 27, 2017

Dous ferroláns en Barcelona

Non sei si se chegaron a coñecer, pero ambos estaban na capital catalá naquel sublevado 18 de xullo de 1936. As súas decisións interferiron e, en gran medida, impediron o triunfo dos rebeldes. Ambos naceron en Ferrol, militares profesionais formados na Academia de Toledo, bautizados no lume da guerra africana. Ambos exercían o seu mando en servizos de seguridade, un na Garda Civil e outro na Garda de Asalto. Ambos padeceron os medos e incertezas nas rúas barcelonesas convertidas en campo de batalla e de morte. Ambos vencedores por pouco tempo. Ambos derrotados.

Ningún deles era comunista, nin anarquista, nin fronte populista, nin sequera se definirían como republicanos; gustarían máis dunha monarquía que funcionase, os dous considerábanse militares profesionais e xa que logo coa obriga de obedecer os seus superiores e o  goberno lexitimo.

Algunhas similitudes máis habería, e diferenzas substanciais. Na altura daquel infausto día de xullo, un tiña a súa vida feita, superara xa as seis décadas de vida, tiña fillos, tamén militares, e netos, asentara no xeneralato, no cumio da carreira militar. O outro ía deixando as tres décadas agardando polo inminente ascenso a capitán. Ambos tiñan as persoas máis queridas guerreando e morrendo no outro bando; un os fillos, o máis  novo os irmáns.

O xeneral non quixo marchar, dicía que só cumprira co seu deber. Fusilárono no Camp de la Bota na amañecida do 21 de abril de 1939 tras o consello de guerra sumarísimo que o condenou e o correspondente “enterado” do seu compañeiro Franco.  No ano en que coincidiron na Coruña tiñan por costume compartir o café dos domingos, na compaña das respectivas esposas, unha semana na casa dun e a seguinte na do outro.

Nos últimos días de xaneiro do mesmo ano, o máis novo, xunto a milleiros de persoas, atravesaba a fronteira por Le Perthus. Regresaría en 1948 e viviría como administrativo administrador e corredor de seguros, en Pontevedra, ata a súa morte en 1981.

Estou a falar do xeneral da Garda Civil José Aranguren Roldán e do comandante Antonio Seoane Vázquez. Dous libros veñen recuperarnos a súa memoria: Recordarán tu nombre  (Destino, 2017) de Lorenzo Silva e Años de guerra y revolución (Bolanda, 2016), as memorias de Antonio Seoane Vázquez que abranguen do 18 de abril de 1936 e o paso da fronteira. En Montauban, redáctaas e remátaas poucos meses antes de que na vila occitana faleza o presidente Manuel Azaña, que para vergonza do que agora chamamos “réxime de 1978”, e enxalzan como “transición”, segue soterrado alí. O último Xefe do Estado democrático de España,  ao que o colaboracionista Pétain impediu enterrar cos honores propios da súa representación, segue baixo terra francesa. 

A memoria democrática e republicana segue sendo humillada.

Venres, 23 de xuño de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario