mércores, xuño 21, 2017

Qué é que?

Ata o momento ao nacionalismo español liberal-progresista cústalle  un mundo afastarse dos ideoloxemas creados, ao longo de dous séculos, polo nacionalismo conservador, católico e autoritario, e nunca comprendeu nin a necesidade de esgazarse da matriz monárquica para competir con este, as dúas veces que o intentou (1873, 1931) fracasou,nin a imprescindible renuncia á  grandilocuencia da nación-estado para dialogar en pé de igualdade cos nacionalismos que, en “lapsus” chauvinista, denomina periféricos.

É ben certo que a crise económica  de 2007, as austericidas, e fracasadas, medidas para saír da mesma e a putrefacción do réxime de 1978 recuperaron para o “relato” das esquerdas españolas un difuso federalismo de inspiración liberal-progresista. Discurso, antes empregábase este termo na vez do actual e vulgar “relato”, que bate sempre na pedra das definicións;  de “o concepto é o concepto” ou como demandaban os ácratas dos meus territorios adolescentes: Que se defina la U, Galicia qué es, colonia o champú? Algún tempo despois Casares empregou parte da chanza para encabezar un artigo en El País que, segundo teño entendido, lle apesarou moito escribir. Así era, ata se arrepentía de ter escrito Cambio en tres.

Pois nesas andamos. No concepto. Quen encerellou o asunto de forma xenial foi a incombustible presidenta da xestora do PSdeG-PSOE,  que como flamante nova integrante da executiva do seu partido nutriz e do seu comité federal (significante baleiro) e ante a conceptual pregunta dun xornalista avezado: ¿Es España una nación de naciones? Respondeu contundente: “Si. Hay que ser realistas y reconocer la realidad plurinacional del Estado Español”. O xornalista, con manifesta intención de facerlle un favor á entrevistada, e esta esquecendo que ás veces a mellor resposta é a calada, inquire: ¿Galicia es una nación?. Se a cousa viña enleada agora xa non atopamos a punta do nobelo: “Es un país. Es una nacionalidad  que tiene las características suficientes para mantener una diferenciación dentro de Estado español, pero con unas características que sí que pueda decirse que somos unha nación”.

A ver. Pódese dicir ou non? Que somos, nacionalidade?, histórica?, nación de naciones?, país?,nación a secas?.Buf!, moita enmarañada.

Ata o de agora o federalismo progresista nunca pasou de ser unha lenda para engaiolar periferias. Agardemos que o esforzo conceptual na procura de respostas ao enguedello que habita nas esquerdas españolas, novas e vellas, e que tan ben expresou Pilar Cancela, xere farturentos froitos alternativos.


Domingo, 18 de xuño de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario