Leo
una nova ben triste. Seica non sei que institucións veñen de ordenar a
colocación dunha reixa metálica encima do muro da ponte da estrada que vai a
Baredo, por riba a autoestrada do Val Miñor, para que xente non se tire dende
alí. Trátase de poñerlle dificultades ás persoas suicidas. Loable pero triste
e, infortunadamente, inservible medida para atallar o que algúns especialistas
cualifican, xunto con outros problemas de saúde mental, como “as doenzas do
século XXI” e que causan moitos máis mortos que os accidentes de tráfico.
A
cutre escalazada de novos ricos, daquela todos eramos ricos, os novos, os
vellos e os intermedios, para evitar o “gasto” de construír un túnel, abriron
unha trincheira de corenta metros, escalazaron o monte e, nunha zona, seica, de
“excelencia turística”, estragaron unhas boas vistas. Mais xa saben o
razoamento, montes temos moitos e vistas hai dabondo. Agora queren solucionar
as traxedias cunhas cercas metálicas.
Coñecía
a rapaza que se guindou dende o alto da ponte hai uns días. Fora alumna do que
foi o meu centro de traballo, agradable, discreta, tímida quizais, moi
respectuosa, saudabámonos cun “ola-ola” formal. Foi un estoupido xeado na cara
e un troupeloutreo tenso de sangue nas
veas cando, despois de recoller no
Hospital Álvaro Cunqueiro unha amiga, traballadora en saúde metal, esta díxome,
seguro que coñecías unha rapaza que...
Seica
unha semana despois, uns familiares evitaron que unha moza o repetise. Segundo
a información de prensa, nos últimos anos tres persoas chimpáronse dende alí.
Non había moito tempo, unha compañeira de claustro dese centro educativo tomara
a mesma fatídica decisión.
Segundo
o “Instituto Nacional de Estadistica”, no ano 2014 houbo 371 falecementos por
autolesións en Galicia, no conxunto do Estado 3.900 segundo as mesmas fontes
que só podemos considerar como mínimas. O
Movemento Galego de Saúde Mental, constituído por profesionais, eleva a cifra a
390 que supera en moito os mais que excesivos 333 do ano 2013 ou os 321 de
2015. Cifras... Síntese, unha persoa suicídase cada día en Galicia. Non se di
nada, non se fala, non se comenta, nin
nos ámbitos familiares nin nos non familiares; ocúltase, o INE dá os datos cun
ano de atraso, os medios convértenos e falecementos. Cantos accidentes non
saberemos nunca que foron suicidios? Galicia é a segunda comunidade do ranking,
superada por Asturias.
A
crise, os recortes, os despidos, as débedas hipotecarias, a precarización
laboral, o desemprego familiar, as frustracións familiares, as perspectivas
incumpridas, a degradación moral da sociedade, a corrupción institucionalizada,
a ruptura da parella, a ausencia de programas de axuda familiar, de saúde
mental, de prevención do suicidio.
A
crise non só dispara o número de suicidios senón que incrementa os trastornos
mentais como demostran os informes que nos alertan de como aumentan os casos de
depresión, os trastornos de ansiedade, as crises de angustia, os problemas
relacionados co alcohol. O consumo de ansiolíticos e antidepresivos aumentou en moitos millóns de
unidades. Algúns especialistas falan da “psiquiatrización da vida cotiá”.
As
persoas aguantan, resisten as esixencias sociais, soportan a presión, os ritmos
e estilos de vida impostos polo sistema económico e social ata que, no caso
dalgunhas, non poden sufrir máis, non
queren seguir vivindo. Non estamos a falar de trastornos psíquicos universais,
presentes en todas as culturas; estamos a falar dos nosos, do paso da trabe do
suicida na aldea abandonada ao que se chimpa dende as alturas en vilas ou
cidades abafantes.
A
crise nin rematou, as súas tráxica consecuencias tampouco. Ambas prolongaranse
pola permanente acción da cleptocracia.
Venres, 9 de xuño de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario