Sede do Banco Popular-Pastor, antes do Pastor e primeiro do Banco de Vigo. Obra de M. Gómez Román. |
Miña
nai perdeu cen euros onte. Seica había moitos anos meu pai mercara 100.000 pts
en accións do Pastor, por consello dunha boa amizade que traballaba naquel
banco que un día fora de obediencia galega. Pasaron os anos, meu pai faleceu,
xa hai moito, e miña nai mantivo a confianza no seu banco. Xa non estaban
ningún dos coñecidos, uns morreran, outros xubiláranse, pero ela mantívose fiel
ao seu banco. As accións hai tempo que deveceran. Ela ben o sabía que para
contas e moitas outras cousas é ben espelida. Ficaban 100 euros. Agora aos seus 87
anos deixounos ir, que o demo os leve! O malo é que quedou sen banco e non
quere levar os cartos da máis que escasa pensión dunha viúva para un deses
poucos tiburóns que devoran os pequenos. Así rebenten, que canto máis teñen,
máis queren.
Coñecida
a desfeita, ou refeita, bancaria, merco a prensa de realidades paralelas. Para
a do norte, todo é ledicia, felicidade. Leo asombrado “Las consecuencias de la compra del Popular. EL SANTANDER SE CONVIERTE EN EL
SEGUNDO BANCO DE GALICA. La entidad tiene ahora 1.900 empleados en la comunidad
al sumar los del Pastor. Los depósitos están garantizados, pero los accionistas
del Popular pierden su inversión”.
Para
a do sur os titulares van pola banda dramática: “LA
ENTREGA DEL POPULAR AL SANTANDER POR 1 EURO LIQUIDA AL PASTOR Y DEJA EN EL AIRE
LA BARRIÉ. Europa interviene para evitar su quiebra: los 305.000 accionistas
pierden su dinero. Inquietud en la plantilla gallega: 1.100 trabajadores… La
Barrié se queda sin financiación para la obra social al diluirse a cero su
capital”.
Dous
mundos, dúas verdades, dous intereses...; mesmo contrasta que o medio do norte
nin solte un laio polo que quedaba dun Banco que o foi todo na cidade, nin do
apelido, referencia do poder local durante case dous séculos.
A
pesar de que o meu pai sempre deveceu pola miña carreira bancaria, daquela ser empregado de banca era o cumio de
quen pretendía chegar a ser clase media baixiña, esta nunca se realizou.
Intentouno. Ao rematar COU mandoume a unha entrevista co director da oficina
viguesa do Banco Hijos de Olimpio Pérez que seica me ía contratar como
“botones”. Se o fondo dos espellos non me atorda a oficina debería estar na
Praza da Constitución. A banca dos Pérez Sáenz debía andar nas últimas e do
“asunto”; por fortuna, nunca máis se soubo.
Moitos
anos mais tarde, por mor de abrir unha conta para cobrar a miña primeira nómina
seria, díxome que fose falar cun seu amigo que traballaba no Pastor. Entrei no maxestoso edificio que deseñara Manuel Gómez
Román, o secretario xeral galeguista, para o Banco de Vigo e preguntei polo seu
amigo que saíu dunha enorme sala onde, cando menos, duascentas persoas
ordenaban letras de cambio. Mandoume que fose a unha das ventaíñas.
Dicía
que a pesar da miña frustrada carreira bancaria un non necesita demasiadas
luces para decatase de certas cousas. Por exemplo, hai un ano o Banco Popular
superou a proba de “stress” que as serias, sensatas e modernas institucións
europeas establecen para o control bancario. A resultas da proba esa eminencia
económica que é o Sr. De Guindos anunciou que o Banco Popular, como o sistema
bancario español, era solvente. Queda alguén solvente por aí?.
Como meterse nun rescate público, despois dos 41
mil millóns de euros que nos “sisaron” eses anos atrás e das continuas mostras
de confusión entre os petos públicos e os privados da que dan mostras os
membros do Partido Popular, colléronlle medo e non se atreveron máis que a
roubarllos aos pequenos accionistas que non “tiñan información”, os que sempre
perden. Todo coa aquiescencia do Mecanismo Europeo de Resolución, da cova de
Ali Babá renomeada como Banco Central Europeo e dos seus delegados
territoriais.
Todo
para roubarlle cen euros a miña nai.
Ando
a ver se dou pirateado Le capital, o
filme de Costa Gravas, para que o entenda.
Mércores, 7 de xuño de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario