xoves, xuño 15, 2017

Notar a pobreza

O outro día paseando cun amigo por una céntrica rúa viguesa díxome: “A pobreza séntese na cidade”. Seguimos andando en silencio. Agucei o ollo. Detalles materiais informan: zapatos excesivamente vellos, roupa consumida ou estreita, cabelos descoidados, ausencia de dentes... Pormenores espirituais asustan: cansazo, abulia, fatiga, fastío, desgana... Nas cidades sempre se percibe todo antes. Tanto o benestar como a pobreza. A penuria descarnada máis que a laceira miserable.

Acordeime de Castelao, do seu libro primeiro do Sempre..., escrito no desterro estremeño, cando matinaba sobre a fame dos braceiros sen terra, a miseria do propietario dunha leiriña, ou a anguria do proletario sen traballo ou do mariñeiro de baixura. Recordei a sorna de Paco del Riego cando contaba as exquisiteces de Carlos Maside que non daba comido o pan con vermes que lle poñían na pensión viguesa, reparos que don Paco aproveitaba para manducar a ración do pintor coa carne de bechoco incorporada.

O neoliberalismo supérase a si mesmo. Non só hai pobreza entre as persoas paradas, a vellicie desamparada, os cativos desprotexidos ou inmigrantes sen papeis, senón tamén entre as persoas que teñen traballo,  conseguindo a xeneralización da pobreza como se fose un dereito cidadán.

Non é preciso ser un lince para decatarse pero pode cuantificarse botándolle un ollo aos informes de Cáritas ou aos datos que achega a Federación Galega de Bancos de Alimentos  que demostran que a bolsa de pobreza estase a facer estábel, que se cronifica, que en poucos anos se agrandará, que  non diminuirá porque as familias nas que se enquista teñen moi difícil saír dela, nelas é onde o fracaso escolar se concentra. Con 600, 700, 800 euros é moi difícil saír adiante; pódese comer pasta e arroz, pero xa non é tan doado comer carne, pagar a luz, afrontar os mínimos gastos de calquera cativo escolarizado, quentar a casa un pouco ou afrontar as débedas que contraíches e non pagaches cando estabas sen traballo e agora lévanche unha parte desa precaria nómina, ou que perdas determinadas prestacións por un contrato dun mes, ou... Iso que Owen Jones contou en Chavs. Datos xenéricos, o 19% da poboación galega, en especial familias con fillos, anda no linde do limiar da pobreza, unhas 700.000 persoas.

Un bo amigo, oficial de albanelería, magnifico profesional, díxome hai anos que xa non contaba volver topar traballo. A  unha filla con deficiencias cognitivas á que lle abrira unha conta de aforros para o futuro, birláronlle os cartos nas preferentes. Supoño que en parte os recuperaría. O fillo, brillante enxeñeiro, ten un moi bo traballo, en Alemaña. Pasou hai tempo o franxa dos 55, por riba desta idade sete de cada dez parados non volveran ter traballo. Fortaleza física, saúde, experiencia, capacidade demostrada e paro crónico.

Díxome o meu amigo paseante: “A pobreza como a pel ten memoria”.


Martes, 13 de xuño de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario