mércores, xuño 14, 2017

Dúos

Hai algún tempo escribín nestes retallos do día sobre un filósofo aparente que lle chamaba “socialista listillo” a Jesús Eguiguren e descualificaba a súa arriscada intervención, xunto á  de Arnaldo Otegui, na consecución da paz en Euskal Herria. É evidente que a coordinada intervención destas dúas persoas foi crucial para acadar a actual fase pacifica como o foi a do dúo John Hume (como líder do SDLP)-Gerry Adams (polo Sinn Féin) para lograr o acordo do venres santo, 10 de abril de 1998, no Norte de Irlanda.

Outro dúo: Adams-McGuinness, a quen lembramos nesta sección co infortunado motivo do seu pasamento, foron quen de dirixir o  Sinn Fein cara á  decidida participación política nas institucións e dese xeito empurrar o  IRA ao abandono das armas. Hoxe o Sinn Fein é unha gran forza política tanto na República de Irlanda como no norte, aínda, cada vez menos, baixo o ferrollo británico.

O outro día lin unha entrevista con Otegui por mor da súa candidatura a coordinar EH-Bildu. Na mesma facía referencia tanto á  súa escasa idade política, porque a el cómpre restarlle os 14 anos que pasou na cadea, como a visita que realizou  ao seu colega Rafael Díaz Usabiaga. Os dous forman unha especie de arremedo  ben feito do dúo Adams-McGuinness.

Coñecín, brevemente, a Díez Usabiaga, hai moitos anos, en tempos de ferro no seu país, por motivos que agora non veñen a conto e pareceume unha persoa coa cabeza ben amoblada, empeñada, xa daquela, en que o mundo da esquerda abertzale se orientase cara á  participación política nas institucións. Mesmo, para min, foi un contraste coa impresión que transmitían outros dirixentes do nacionalismo vasco na altura. A referencia de Otegui a Usabiaga non é gratuíta. Os dous son referentes do camiño definitivo que encetará o próximo sábado EH-Bildu.

Sempre considerei que o entusiasmo vasquista, nun momento, agora o catalanista, entre os galeguistas-nacionalistas non é máis que o desexo reflexado, a mítica ilusión dunha fortaleza política inexistente. Como cando a Irlanda do “érguete e anda” de Brañas ou a “irmanciña dourada” de Cabanillas. Recursos poéticos.

Nin o caso irlandés nos albores do século pasado, nin o vasco ou o catalán na actualidade teñen moito que ver, máis alá do carácter de nacións negadas, coa nosa realidade específica. Aínda así, coñecer os procesos coincidentes na súa xénese poden ter un valor non imitativo, senón para reflexionar.

Así que apañei tres frases da entrevista a Otegui que poden axudar: “EH Bildu debe abarcar desde el centroizquierda a la izquierda marxista o socialista, llegando también a los pequeños empresarios, los autónomos... Queremos ser la referencia del pueblo soberanista de izquierdas...”. “Tenemos que abrir las puertas a esa izquierda no independentista. Que vean que no hay mayor propuesta antioligárquica que el apoyo a los procesos constituyentes en naciones como la vasca y la catalana...”. “Pero para eso la peor fórmula es la coalición pura y dura, en lo que todo lo decidían los partidos, un modelo que la gente ya no acepta.”

Lúns, 12 de xuño de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario