luns, xuño 12, 2017

Cen anos do pailebote branco


                                                                        
                        
                                               Cas nosas mans suicidas/
                            espallaremos no carroussel dos ventos/
                                    os catro puntos cardinaes/ 
                                 Mentres o timonel/
                                      arrumbará proa a Ningures

Manuel Antonio: De catro a catro


Dentro duns meses fará cen anos que o pailebote branco, o “Constantino Candeira”, se botaría ao Miño, na Pasaxe de Camposancos, para que Manuel Antonio fixese as súas prácticas como mariño mercante e escribise, nos cento setenta e un días de navegación, entre 1926 e 1927, gran parte do seu célebre De catro a catro. A vida de ambos, barco e poeta, non foi moi longa en duración pero si en memoria. O rianxeiro naceu co século pasado e faleceu trinta anos despois; ao  guardés, rebautizado como “Peregrin Fos”, escangallouno un temporal contra o  dique do cargadeiro de mineral do Rif en 1949.

Ás veces un cavila nesas “mans suicidas” que dirixen o pailebote “proa a Ningures”. As veces un matina que esas mans non son doutros senón “nosas” como nos recorda o poeta.

Ben sei que aplicar conceptos propios da condición humana aos colectivos sociais é alterar a percepción de ambos, mais ás veces un ten a doada propensión a facelo. Onte falabamos do sufrimento que leva ás persoas a querer deixar de vivir; tamén, un ten a tentación, reitero, como simple recurso, de procurar explicación de determinados comportamentos colectivos a unha pulsión suicida. Cando menos no noso caso.

Dende a coñecido pé de Castelao de “En Galicia non se protesta,  emígrase!” ata o desleixo patrimonial e natural; dende o abandono da maior creación cultural dun pobo que é a súa lingua ata ese deixarse ir, indiferente e indolente, cara ao  avellentamento, a perda de recursos, de expectativas, de iniciativa e a reiterada entrega do leme a temoneiros que nos dirixen a Ningures.

Ás veces un escoita voces exculpadoras, as desfeitas patrimoniais e ambientais fixéronas as administracións, si, pero alguén as puxo aí, deulle respaldo por acción ou omisión; é a forma marxinal de inserción da economía galega na española e europea a que impide desenvolver recursos ou os desaproveita, si, pero non se ven reaccións grupais, cooperativas e só guerrilleiros que van por libre.

Ás veces un ten a sensación de que, en parte, a miña xeración quedou prendida da nostalxia, como Otero, ou, en parte Losada e Risco, dun mundo arcádico de pobreza feliz, de miseria levadeira, de infancia perdida e vizosa lingua común.

Ás veces un ten non só a primeira sensación do poeta: “Fomos ficando sós/o Mar o barco e mais nós” senón a síntese final do poema “E ficamos nós sós/ sin o Mar e sin o barco/nós”.

Sábado, 10 de xuño de 2017



Ningún comentario:

Publicar un comentario