Pablo Iglesias amosa un exemplar de Teoría del partisano de Carl Schmitt |
En
varias entrevistas Casares afirmara que precisaba momentos, circunstancias,
feitos, persoas que dalgunha forma coñecera para construír os seus relatos. Hai
uns días comentamos o que nos dixera en referencia a Deus sentado nun sillón azul (Galaxia, 1996) e prometiamos volver
sobre o personaxe inspirador, Carl Schmitt, a quen Casares tratara, aínda que
pouco, e lle caía moi antipático.
Unha
amiga pregúntanos como coñecía Casares o xurista alemán. Pois por dúas sinxelas
razóns. Primeira porque o Kronjurits do III Reich, tras saír “ben parado” do
xuízo de Nuremberg, reconverteuse en lexitimador-apoloxeta do franquismo e, en segundo lugar, porque a súa
filla Ánima Schmitt casara cun profesor compostelán de Historia do Dereito,
Alfonso Otero Varela, entre os universitarios da altura coñecido como
Margarito. Tras os xuízos anti-nazis Schmitt foi expulsado da universidade e
durante os anos cincuenta a presenza do xurista nas terras de A Maía foi
constante ata o punto de que a versión en español das súas memorias da
catividade (entre 1945-1947) Ex
captivitate salus publicouse na libraría-editora compostelá Porto, en 1960,
traducida pola súa filla e cun prólogo do propio autor asinado en Casalonga, á beira de Compostela, en 1958.
Será
en Santiago onde entrará en contacto co
tamén xurista, na altura catedrático na universidade compostelá, Álvaro D´Ors,
un carlista tradicionalista sobre o que exercerá unha forte influencia. Máis
será Manuel Fraga, director na altura do Instituto de Estudos Políticos, quen lle argallou a célebre conferencia tras
o recoñecemento como membro de honra do amentado instituto, pronunciada na sede
central madrileña do partido único “Movimiento Nacional” o 21 de marzo de 1962,
e que Manolo Rivas re-novela no capitulo “Unha festa sagrada”, en Os libros arden mal (Xerais, 2006).
O
13 de xullo de 1934 Hitler, nun discurso radiado, xustificaba a matanza (sobre
cen persoas) e a máis de mil detencións na chamada “Noite dos coitelo longos”
dicindo: “Nesa hora eu era o responsábel da sorte da nación alemá, así que me
convertín no xuíz supremo do pobo alemán”. Estaba a aplicar a teoría do
Kronjurist Schmitt, do “decisionismo”, do exercicio da soberanía como a
capacidade de decidir no estado de excepción, da competencia de suspender a
constitución en caso de emerxencia, de conculcar as leis para salvar o ben
común, de exercer a ditadura para librarnos do perigo, da ameaza, do caos.
Schmitt
foi “xurista oficial” entre 1933 e 1936, xusto cando Hitler distinguiu, en
aplicación das ideas schmittianas, quen era “amigo” e quen “inimigo” e
converteu a inimizade no centro da acción política, da loita, da polémica, que
exclúe toda caste de colaboración, de debate, de critica e de acordo, porque a
guerra é a única verdade incontrovertíbel da realidade social. Hitler non só eliminou os seus contrincantes
dentro do Partido Nazi, entre outros a Rohm
o líder das SA, senón que aproveitou para desfacerse dos conservadores
que lle deran o seu apoio como chanceler.
Escribiu
Zweig no seu O mundo de ontem: “Hitler que, em si, era um pouco avesso as ideias
alheias, possuía no entanto, desde o início, o instinto de se apropriar de tudo
o que poderia vir a ser útil aos seus objetivos pessoais” e engadía “A técnica utilizada pelo nacional-socialismo foi
sempre a de conferir um fundamento ideológico e pseudomoral aos seus instintos
claramente egoístas de poder”.
Na
súa etapa compostelá Schmitt substituíra o caos da república de Weimar polo
caos da II República e a orde imposta por Hitler pola acción salvadora de
Franco, que aínda que máis humilde sobrevivía.
Este era o
tal Schmitt. Para Casares, un ser inhumano que non podía ver reflectido en
Risco.
Por
certo tamén, previa peneira de Chantal
Mouffe, algúns ditos da esquerda ándanse a propagar, mesmo portando os seus
libros nun Congreso dos Deputados que aínda, por fortuna, non é o Reichtang de 1934. Tamén no
parlamentiño do Hórreo, o presidente Feijoo recorre, con reiteración, a afirmar
que o acto político por excelencia é a decisión. Lonxe quedan conceptos como
convenio, concertación, lei, control do executivo, predominio do lexislativo...
Luns, 5 de xuño de
2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario