martes, xuño 27, 2017

Ira

Ponte das Achas, A Cañiza
Lembro un meu alumno. Hai moitos anos. Un rapaz tranquilo, ata sosegado, agradable e simpático, sempre cun sorriso nos beizos do que brotaban bromas amables; ata semellaba ledo. Non era brillante pero si un estudante correcto e cumpridor. Residía moi preto do Instituto, nunha parroquia desas que agora chaman “periurbana”, na que a súa familia vivía do labor agrario do que el sempre procurou fuxir, e logrouno.

Un día lin no xornal que dous paisanos da parroquia puxéranse a discutir por se o arame divisorio entre dúas fincas lindeiras, e os correspondentes dereitos de paso,  ían un pouco máis alá ou un pouco máis acó. Entre unha e outra desatouse a ira. Un espetoulle a fouciña no pescozo ao outro e rabuñoulle a aorta. Alí quedou. O autor do colérico golpe era o pai do meu alumno sorridente. Logo fun sabendo, a través del mesmo, dalgunha que outra circunstancia furiosa. Nunca apeou o sorriso que segue compartindo cando, moi de tempo en tempo, me cruzo con el.

Moitos anos antes traballara na Cañiza; sempre me quedou unha querenza por aquel instituto cuns alumnos especiais polas circunstancias iniciáticas do centro. O outro día magooume  o incidente da desbrozadora na parroquia das Achas, de onde tivera varios alumnos e alumnas aos que lles ensinaba que nas inmediacións da súa ponte, o xeneral-abade do Couto, Mauricio Troncoso de Lira, cabeza do levantamento das terras da Paradanta contra o invasor francés, dirixiu as tropas populares na coñecida batalla de febreiro de 1809.

Seguro que saben do triste incidente, semellante á  fouciñada da que falamos, provocado por un acceso de ira non humana. A disputa tiña a súa orixe  noutra lea sobre espazos públicos e apropiacións privadas, encirrada por pertenzas á  tribo orixinaria, invasións foráneas de fin de semana e sutilezas culturais, en aparencia insignificantes,  que axitadas na  cocteleira son quen  de desatar a cólera divina e decidir sobre a vida humana.

Se os dous casos amentados poden atopar unha inxustificable explicación no arrebato momentáneo, na rabia incontrolábel, na provocación reiterada... o desta noite de San Xoán, na praia de Arealonga de Chapela, desborda calquera intento de comprensión.


Sábado,24 de xuño de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario