mércores, maio 31, 2017

Noticias para falar

O outro día, nunha desas rutas anticolesterol que cómpre facer ao chegar a certa idade, en boa compaña e na fermosísima rotonda arredor de Monte de Lourido, un meu amigo sevillano, como levabamos un anaco en silencio, preguntoume se non lera algunha nova nos xornais... desas para falar. Gustoume a expresión.

O tempo tamén é para falar. Por iso se converte en asunto preocupante cando sobes con alguén no ascensor; cando topas cun veciño fronte por fronte, na rúa, e tes que deterte sen saber moi ben  por que; cando estás con alguén agardando por alguén, que tarda un chisco... Nestes casos o mellor é recorrer á chuvia ou ao sol, ao bochorno ou ao vento, ao moito ou pouco frío e a moita ou pouca calor... É unha desas novas para falar.
Pois aquel día viña eu de ler unha nova, o meu amigo xa a coñecía, pero que aínda así, ao ser un tanto asombrosa, deunos para falar un bo treito da pateada.

Resulta que  uns colegas, convocados por whatsapp, foron xogar unha pachanga de futbito. Todo normal. No medio do partido, un couce por alí, un empurrón por acolá, un pelotazo que bate en zona sensíbel, un gol discutido, un que non ten ganas de perder, outro que non sabe perder, o de máis ala que é un fala barato e aquel outro que é un bocalán . Normal. Son coma nenos e acábanse armando unha como as da tele, unha “tangana”, dinlle. Todo segue a ser normal. Menos en Verín.

Non pensen que é unha entroidada. Seica é certo. Nun destes partidos, un fíxolle, ou díxolle algo a outro. Pero o primeiro era garda civil e o segundo sarxento do benemérito corpo. Ambos virís xogadores leáronse por un lance do peloteo. Ao chegar á casa, non sei se agora lle seguen a chamar “casa-cuartel” como antes, o mando abriulle un expediente ao número e sancionárono con cinco días sen soldo por insubordinación.

Máis non teñan coidado que a cousa non ficou aí. O sancionado recorreu e denunciou outros dous mandos, que non estaban presentes no partido, por falso testemuño. Arre demo que puido estar calado.

O caso é que onte vin na prensa que o tal garda civil foi xulgado e condenado, por insultos a un superior, segundo o código penal militar, nun Tribunal Militar celebrado na Coruña a catro meses de prisión que deberá cumprir, na súa integridade, en Alcalá Meco.

A nova deu para falar.


    Xoves, 1 de xuño de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario