O
mércores andei pola libraría compostelá de Couceiro na presentación dun libro
de memorias temporais de Antonio Seoane Vázquez, “Comandante Profesional del
Ejército español”. Como tal asina o mecanoescrito orixinal que, baixo o rótulo
de “Malhechores de España” e co
subtítulo “Años de guerra y Revolución”,
recolle as súas lembranzas e visións do acontecido en Barcelona e Cataluña entre
o 19 de xullo de 1936 e os primeiros días de febreiro de 1939 nos que, en
compañía de miles de persoas refuxiadas, atravesou El Pertús. Atinadamente Bolanda Edicións escolleu,
para a súa publicación, o subtítulo engadíndolles o período temporal das
lembranzas.
Tras
a chegada a Francia, Antonio Seoane ponse a escribir os seus recordos e
valoracións dos anos de “guerra e revolución”, intensamente, ata rematar un bo
mangado de cuartillas que editadas ocupan case trescentas páxinas. Labor que dá
por rematado en Montaubau o 8 de abril de 1940. Nesta vila, uns meses despois, falecerá
o presidente Azaña e alí segue soterrado como símbolo manifesto de que a
sociedade española non foi quen de superar e enviar á arca da historia o
conflito social e político que estourou naquel mes de xullo de hai oitenta
anos.
Antonio
Seoane era un militar profesional e unha de tantas e tantas persoas que nada
tiña claro na realidade confusa, como todas as realidades, que o leva a
escribir no primeiro capitulo do seu libro: “¡Son nuestros! ¡Están con
nosotros! ¿Por qué, si son nuestros , hacen fuego contra los suyos? (...)
¿quiénes somos unos? ¿quiénes otros? ¡Cómo y por qué podemos distinguir a los
enemigos?”. Ata o final deste capitulo non o saberá: “La incógnita se había
despejado y por fin sabía lo que era y lo que defendía. Era republicano y
defendía la República. Y a solas conmigo mismo, pensé un segundo en
mi familia y, para tranquilizarme, como si de esa manera los considerase
salvados de todo peligro, y yo más fuerte y seguro de mí, grité con mi corazón
¡Viva España!, y una escalofriante sacudida recorrió todo mi ser. ¡ La suerte
estaba echada!”.
Pero
o pensamento non salvaba a familia. Os outros tres irmáns tamén militares estaban
no bando sublevado. O máis pequeno deles, Manolo, falece vítima dun obús das
tropas leais. Esa morte marcará a vida de Antonio e impulsarao a realizar unha
especie de exorcismo redactando estas memorias que, que saibamos, nunca pretendeu
editar nin, o máis seguro, se lle pasou pola cabeza tal cousa. Gardouno e
levouno consigo ata a súa morte. Foi a súa esposa quen llo entregou ao seu
sobriño e afillado, Antón Seoane, en 1993. Ata agora, pasados setenta e sete
anos da súa redacción, non viu a luz nin para o público nin para a maioría dos
seus familiares máis achegados.
Antonio
regresou, co apoio familiar, en 1948. Estableceuse en Pontevedra, traballou en
Jesús Lago y Lago e en Seguros Zurich e paseou polas súas rúas na compaña da
súa esposa francesa, Nenette, ata a súa morte en 1983.
E
chegamos os que andamos con estas cousas e decatámonos do pouco que entendemos
e do pouco que sabemos. Antonio Seoane, militar profesional, de familia de
militares, formado en Zaragoza, fogueado na guerra de Marrocos, na Lexión de
Millán Astray, sublevado con Sanjurjo en 1932, encarcerado e xulgado polo
goberno da República... atópase, en 1936, en Barcelona, ao mando dunha compañía
da “Guardia de Asalto” e fará a guerra, ocupando lugares de relevo tanto no
campo de batalla como nos servizos secretos, ás ordes da Generalitat e da
República ata o exilio. Logo virá a outra vida sostida sobre a ocultación do
pasado.
A
realidade é ben máis complexa que a diseccionada, analizada, sintetizada,
temporalizada polos manuais e as explicacións académicas. A realidade
constrúese a partir de decisións persoais, tomadas sen as referencias que nos
dá, ou nos oculta, a distancia histórica. As
veces un ten a impresión de non entender moito o que pasou.
Venres, 24 de marzo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario