sábado, marzo 25, 2017

O bacallau de Escocia

Entre a documentación militar, fotos, carnés...  que a viúva de Antonio Seoane Vázquez, Antoinette Fernández Huillet, lle entregou ao seu sobriño Antón Seoane acompañando o mecanoescrito do que falamos onte, atópase unha pequena postal cun retrato de Castelao por un lado e polo reverso co texto do himno galego. Ante a pregunta sorprendida de Antón de que facía aquilo entre os documentos persoais, tía Nenette respondeulle: “Ah eso es del bacalao de Escocia!. Antonio y el coincidieron alguna vez en cosas del gobierno”. A súa tía aclaroulle que a muller de Castelao chamáballe así por que vía tan pouco que a responsabilidade da súa mobilidade caia sobre as súas costas. Así o conta Antón na breve achega biográfica ao seu tío Antonio que acompaña a edición de Años de guerra y revolución. 1936-1939 (Bolanda, 2017).

No seu momento procuramos algunha imaxe ao respecto e atopamos a que ilumina este retallo. É evidente a qué se refería Virxinia e que Nenette contaba como unha especie de “cotilleo”, di Antón.

  Tiñamos a dúbida de cando foi esa coincidencia por “cousas do goberno” dados os escasos datos que tiñamos de Antonio. As dúas posibilidades serían en Barcelona ou no exilio. Semella pouco verosímil que fose na capital catalá tanto porque na altura da estancia de Castelao na cidade, entre outubro de 1936 e xullo de 1938, non temos noticia de que Antonio e Nenette se coñeceran, como porque non hai ningunha referencia a Castelao no libro de Antonio centrado nestes anos e nesa cidade.

Do exilio francés de Antonio nada sabemos. Mais parece factible que tras coñecer a Antoinette, francesa do sur, esas coincidencias por “cousas do goberno” puidesen acontecer durante a estancia parisiense de Castelao como ministro do goberno de Giral (dende xullo de 1946 ata xuño de 1947). Ben en París ou noutro lugar de Francia. En calquera caso constatariamos que Antonio seguía nesa altura a traballar para o goberno da República como se desprende tamén do carné que conservou e que o acredita como comandante do corpo de “Seguridad y Asalto” asinado en Toulouse o sete de novembro de 1945.

Sería pois durante o  ano escaso de residencia de Castelao en París cando coincidiron e Virxinia lle faría a Nenette esa confidencia acerca do  bacallau que levaba ás costas, propia por outra parte dalgún momento de lecer no que participasen as dúas parellas.

O outro día na presentación das memoria de Antonio o investigador e secretario da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, confirmounos que Virxinia se refería ao seu home como “bacallau”, aínda que descoñecía a concreción “de Escocia”. Referencia  derivada, sen dúbida, daquela “Emulsión de Scott” de repulsivo sabor que algúns tivemos o infortunio de probar, sacrificio só explicable polos, seica, excelsos beneficios para a saúde.


Sabado, 25 de marzo de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario