mércores, marzo 15, 2017

Peterreando

Hai espazos que un bota de menos. Non sei por que noto a ausencia da cola do médico, onde as nais, sempre as nais, falaban de nós, os cativos, dicindo cousas fermosísimas das que, por fortuna, nin nos lembramos. Sería moi duro comparar.

O outro día botei de menos a cola da caixa de aforros. Dicindo verdade agora xa non hai caixa de aforros, pero non penso aprender o nome que lle puxeron despois do paso dos depredadores. Aprendín ben o que significa, se quero pagar un recibo cóbranme 3 euros. Ou sexa que por deixarlle alí os meus cartos aínda me cobran. Alguén caritativo dabondo informoume de que se o facía no caixeiro automático aforraba os tres euros.  Decidín apetuñar as cincocentas pesetas da miña época e agradecerlle os minutos que pasei na agarda da miña quenda polo moito que gocei co espectáculo que me ofreceron as dúas mulleres que ían diante de min.

Dúas mulleres cumpridas falando en paralelo, sen escoitarse. Iso si, semellaba, só en aparencia, que compartían tema. Ambas, por situación, da aldea, isto é non vilegas; os de agora dirían “do rural”. Comezaron cos limóns. As dúas tiñan limoeiros. Dous cada unha, ámbalas parellas de árbores de ámbalas mulleres eran os máis produtivos do universo, cando menos da súa leira. Seica alguén lle dixo se os vendían. A min tamén. Que hei vender oh!, se mos piden doullos, senón xúntoos e o meu home entérraos onde poñemos as patacas. Eu nin me agocho por eles.

E cantos fillos tés? Eu tres. Eu dous. O pequeno está en Alemaña, nuns días marchamos ver os netiños. Pois o meu maior está moi ben, traballa en Vigo e mercámoslle un piso. Pois o meu pequeno  vai mercar un piso pero nós xa lle fixemos unha casa de dúas plantas que está aí para cando queiran. E á rapaza xa lle demos un soar, o mellor eh, sollozo, e alí o ten para cando queira. Pois ao meu pequeno fixémoslle unha casa de dúas plantas á beira nosa pero por agora vive con nós que está máis cómodo...

Tocoulle a vez e quedei sen diversión.


Mércores 15 de marzo de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario