martes, marzo 21, 2017

McGuinness

No remate da década dos noventa e nos primeiros anos do novo século cronolóxico seguín de preto, informativamente falando, o proceso de desarme do IRA e as negociacións de paz na provincia británica de Irlanda. Escribía artigos a partir de sínteses de prensa para ese luxo que temos os galegos, sen que lle prestemos moita atención, que é o Instituto de Análise e Documentación Internacional (IGADI) que, como daquela, segue a dirixir con acerto o amigo Xulio Ríos. Na altura, dende o IGADI mantiñamos, con continuidade,  unha sección de internacional denominada Canal Mundo, no xornal dixital Vieiros, unha infausta perda a súa desaparición en 2010, tanto por estar asentado como xornal de referencia como pola súa grande eficacia na normalización do noso idioma.

Seguín os ires e vires tanto nos incertos e violentos anos anteriores ao acordo do 10 de abril de 1998 (as negociacións duraron 21 meses) como nos tensos momentos posteriores ao “Good Friday Agreement” asinado, no castelo de Stormont, polos gobernos británico e irlandés e tres partidos norirlandeses: o unionista UUP, o católico SDLP e o nacionalista irlandés Sinn Féin; ficando fora o unionista DUP do reverendo Ian Paisley.

De todas as personalidades que naqueles meses protagonizaron as conversas e o acordo: Tony Blair (primeiro ministro británico), Bertie Ahern (primeiro ministro da República de Irlanda) George Mitchell (enviado especial do presidente norteamericano Bill Clinton), David Trimble (líder dos unionistas do UUP), John Hume, (líder dos socialdemócratas) e Gerry Adams e Martin McGuinness polo Sinn Féin, foi este último o que máis me atraeu tanto polas súas frases ou xestos como polos seus silencios. Coido que o máis xeneroso foi Hume e ao final, moi ao final, Trimble. Mais McGuinness tivo que soportar por unha banda os furibundos ataques dos medios británicos, unionistas e europeístas que o acusaban tanto da súa pertenza ao IRA (que el mesmo recoñeceu en 2001) como de ser un dos seus comandantes; e pola outra converteuse no albo das tensións internas do Sinn Féin e do IRA. Despois do acordo esas tensións expresáronse en pequenas escisións que só provocaron máis sufrimento, lembremos a carnicería de Omagh, por fortuna de forma temporalmente limitada.

O acordo referendouse en consultas separadas. Unha na República de Irlanda (94% a favor) e outra en Irlanda do Norte (71% a favor). Non sei se o dobre referendo podería ser unha solución á cuestión catalá. Tampouco sei se a figura de McGuinness é equiparable á de Otegui e a de Hume a Jesús Eguiguren, sobre todo porque no caso vasco as conversas nunca foron públicas. Mais nos dous casos a política fixo calar as armas.

Aínda que o presidente do Sinn Féin, Gerry Adams, é o líder natural, a personalidade política de McGuinness era dun enorme atractivo. A amizade e lealdade entre ambos dirixiu o Sinn Féin ata convertelo na gran forza irlandesa que é hoxe. Adams liderou o partido en Irlanda e McGuinness no Norte.

Republicano, traballou arduamente pola paz, polas solucións políticas e pola reunificación da súa nación. Despois do brexit, ao que se opuxo, mostrouse preocupado por que puidese significar un rexurdir do chauvinismo británico. Dimitiu como viceministro principal de Irlanda do Norte como protesta por un caso de corrupción, provocando un adianto electoral que supuxo un grade éxito electoral para o Sinn Féin.

Moitos argüían  que o nacionalismo irlandés era o só resultado das accións violentas do IRA que tiña atemorizada a  poboación católica. Semella que era ao revés, as accións violentas empecían a expresión política do republicanismo reunificador.

Faleceu esta mañá aínda ben novo. Que a terra lle sexa leve.


Martes 21 de marzo de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario