venres, marzo 17, 2017

Mitos

Os seres humanos tendemos a reelaborar, a aquelar,  a nosa experiencia  con fortes doses de inxenua imaxinación. Proceso intenso, es especial, durante a adolescencia e que, sen embargo, pode prolongarse ata a madurez e incluso a vellez, en sociedades en proceso de infantilización, como a nosa, a través da exaltación e glorificación da xuventude; isto é, da inexperiencia, do mundo da aparencia, da doxa ou mera opinión. Mitos agrandados ata o delirio pola cultura de masas.

Tamén os grupos sociais elaboran os seus mitos colectivos. Algúns teñen carácter fundacional aos que se lles pretende dar a función de  lexitimar o poder dunha casta ou dunha forma de organización política. Nos inicios da historia (século XIX) empregouse con exceso infantil este recurso tanto para darlle pátina de antigüidade tanto ás nacións-estado nacidas das revolucións liberais como a algunhas cidades ou vilas significativas.

O problema é que algúns seguen a crer neles e empregándoos como sustentadores da razón de estado. Quen acepta que Tude fundou Tui, Noé Noia e Pontevedra Teucro? Ou que Santiago veu nunha barca de pedra dende Xerusalén? Pois hai quen segue a fundamentar a unidade de España na batalla de Covadonga e nos Reis Católicos.

O esencialismo españolista, o nacionalismo banal, é o resultado de décadas de imposición de mitos a través da escola, do exército, da política e dos medios de comunicación. Por iso segue chamando a atención cando algún historiador, como é o caso de José Luís Corral, catedrático de Historia Medieval da Universidade de Zaragoza, afirma que non houbo tal batalla de Covadonga senón que é un mito fundacional elaborado polos cronistas de Alfonso III. Por certo, moi común o recurso ao mito das batallas de fundación, tanto ás vitoriosas, como é o caso, as de consolidación (Aljubarrota) ou mesmo aquelas na que os celebrantes foron derrotados (Kosovo Polje para os  serbios) e tantas outras.

O mesmo J.L.Corral dinos que o heroico Pelayo aínda que parece que existiu non se sabe se era o fillo dun xefe cántabro, un mercenario, ou un xefe ástur. Aínda que José de Santiago, autor, xunto a Ulpiano Nogueira, de Baiona antigua y moderna (1902) recorre a Esteban de Garibay (1533-1600), autor do que toma “que la villa de Bayona fué patria de Doña Luz, madre del infante Don Pelayo, quien si no nació en ella al menos se crió...”. Daquela sería Paio, non?

Por fortuna aínda non lle ergueron unha estatua... aínda que calquera día!

Venres 17 de marzo de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario