Na presentación en Libraida, Gondomar |
Na
realidade foron corenta e un anos e medio pero para que cadrase ben púxolle 1964-2004.
Corenta e un anos de vida de Anxo González Ferreira nunha fábrica que non cita
polo seu nome pero que todos sabemos cal é. Unha empresa que pretendeu e, ao
mellor ata o logrou, deixar a democracia na porta, imitando o modelo proxenitor
procedente da Galia.
Ferreira,
así o coñece o mundo sindical vigués e galego, ofrécenos no seu libro A fábrica. Corenta anos de acción sindical
(1964-2004) (Landoa, 2016) o zume da súa vida e da súa conciencia de clase
“en si” e “para si”, ao tempo que un traballo de recollida de documentos con
vontade analítica desas catro décadas de acción sindical na fábrica do noso
país que mellor responde á concepción clásica do capitalismo industrial.
Na
súa análise Ferreira temporaliza as catro décadas en catro fases. A primeira, que
fai durar ata 1972, denomínaa “paternalista”, tanto porque esa era a concepción
das relacións laborais no franquismo como por ser esa a actitude dunha
dirección accesible aos traballadores e cunha certa racionalidade profesional. Á
segunda fase chámalle de “ascensos a
bodegón” determinada tanto polos acontecementos de 1972, dos que falaremos máis
adiante, como polo incremento do cadro de persoal e o comezo dun deterioro da
vida laboral alterada pola institucionalización do pago de merendas a
encargados ou xefes a cambio de melloras no posto de traballo, cambios de
quenda ou contratar os fillos.
A
terceira etapa foi a máis conflitiva e prolongouse durante toda a década dos
oitenta. Nela a dirección fixouse como obxectivo construír un sindicato ao seu
servizo e para ese fin todo lle valía, dende a represión pura e simple ata a
humillación, a destrución da vida persoal e familiar ou a compra de vontades
para que a sensación de traizón debilitase as posicións de clase.
No
enceto dos noventa iníciase, segundo o autor, unha nova fase na que as
necesidades do mercado obrigaron a dirección a reformular a estratexia para
lograr unha maior colaboración dos traballadores e reducir a confrontación, iso
si, sen abandonar o proxecto dun sindicato de empresa hexemónico.
Nunha
apertada síntese o autor resume eses corenta anos: “As relacións laborais non se desenvolveron dentro do ambiente habitual,
motivado, ao meu xuízo, por dúas circunstancias, principalmente: a incapacidade
da Dirección para pechar totalmente as feridas de 1972, tal e como fixeron o
resto das empresas, por unha banda, e pola outra, a implantación do sindicato
patronal, coa súa estela de represión e discriminación. O primeiro
imposibilitou unha relación normal entre a Dirección e os sindicatos de clase;
co segundo, afondouse definitivamente nesta falta de sintonía. A feroz loita
diaria, necesaria para defendérmonos de todas as asfixiantes arbitrariedades, facíana
inviable.”(p.338).
Como
vemos, para o autor a folga do mes de setembro de 1972 condicionou a evolución
posterior das relacións laborais dentro de Citröen. Na altura había un ambiente
de mobilización ao redor da reivindicación da xornada de 44h o que permitía a
libranza dos sábados pola tarde. A convocatoria de folga promoveuna CC OO en
función da decisión do Partido Comunista de demostrar a súa fortaleza. Sería a
actuación da dirección ao despedir cinco traballadores e abrirlle expediente a
outros catro o que provocaría a solidariedade obreira que foi respondida por
unha brutal represión policial: “A
ditadura franquista non podía consentir que alguén, á marxe do seu sindicato, puidese levar a cabo
acción de calquera índole, que supuxese vulnerar a legalidade vixente. Os
encargados desta misión eran a policía político-social, axudados por toda unha
rede de “chivatos”. Polas súas mans pasaron todos os detidos; as súas mans
foron as que os torturaron salvaxemente para que cantasen. Querían saber que
organización estaba detrás do movemento folguista, e quen eran os dirixentes. E
aquí hai que lembrar todos estes compañeiros: Manolo Pérez, Isidro, Bacariza,
Lores, Camilo Nogueira, Manolo Lima, Lamela...., entre outros. Todos eles
comprobaron nas súas carnes como existían persoas capaces de degradarse de tal
maneira que se convertían en verdadeiros animais. Funcionaron coas técnicas que
utilizaban, e utilizan, todos os réximes ditatoriais.” (p.29)
A
cidade estivo en práctico “estado de
sitio”. Cento once traballadores despedidos, cento dezanove representantes
sindicais expedientados, o sindicato vertical deslexitimado, o réxime
ditatorial posto en evidencia envía un “home bo” que xestiona a readmisión
dalgúns despedidos pero deixa sen traballo moitos outros, en concreto en
Citröen, 32. A amnistía converterase nos anos seguintes nunha reclamación
sempre presente.
O autor na presentación en Gondomar |
A
empresa comezou o labor organizador do seu sindicato, a “Confederación
Democrática del Trabajo” (CDT) precedente do actual “Sindicato Independiente de
Trabajadores”(SIT). Nas primeiras eleccións sindicais, xaneiro de 1978, o
sindicato da empresa obtivo 13 delegados, os mesmos que a UGT; pola súa banda
CC OO acadou dez postos e a USO cinco, a ING dous e a CSUT outros dous; o
sindicato da empresa estaba en clara
minoría. Pola contra, nas últimas eleccións sindicais recollidas por Ferreira
no seu libro, correspondentes a 2002, o SIT acada 26 postos, CC OO, 3, CIG, 5 e
UGT,7; o sindicato da empresa supera o sesenta por cen do comité o que lle
permite asinar convenios en solitario. Na actualidade a situación é a mesma.
Deberiamos
ler con atención, nestes tempos nos que non só se eliminaron gran parte das
conquistas do sindicalismo de clase senón que se despreza a condición do
traballador e se pon en cuestión a súa mesma existencia (vexase o libro de Owen
Jones[1]),
esta historia de vida sindical que é tamén a historia da vida dun sindicalista
entregado á defensa da súa clase que leva tatuadas na pel as siglas que fixeron
e refixeron un proxecto sindical autóctono dende a Unión Sindical Obreira (USO)
á Central Sindical Galega (CSG), dende o Sindicato Obreiro Galego(SOG) á
Intersindical Nacional Galega (ING) ou á Confederación de Sindicatos Unitarios
de Traballadores (CSUT) pasando pola INTG, a Intersindical, a CXTG, a
Converxencia Intersindical, ata a actual CIG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario