Non
era doado o mandado: facer un libro sobre os toliños de Xinzo. A tentación,
ensarillar unha serie de anécdotas sobre a restra de personaxes virados polo
vento do Larouco, polas badaladas de Antioquía, polo croar das rás, ou, explicación
xenérica das rarezas ourensás, polo
licor-café.
Mais
non estamos ante un principiante, nin ante un afeccionado. Senón ante Antón
Riveiro Coello. O escritor de Xinzo ten
demostrado ser un dos grandes narradores contemporáneos e da literatura galega
e, ao tempo, quen de manter unha produción constante, profesional, de veterano
escritor a pesar da súa xuventude. Así que o encargo de Casares que o autor
rememora nas paxinas iniciais da novela non ficou nun relatorio de rarezas
senón que se artellou como escintilantes pedriñas preciosas inseridas nun colar
traballado por un prateiro de tradición. Riveiro Coello ofrécelle ao seu
paisano un éxito póstumo como editor e unha homenaxe estilística na procura da
sobriedade, da sensatez, da contención, da aparente sinxeleza, do sorriso
irónico e por riba de todo da narración ben construída e comprensíbel.
A
Marcelino, “o xograr de Villalón”, tanto lle ten ler o xornal do dereito como
do revés. O “Tiroliro” recolle cabichas e Clarita papeis na procura do documento
das partillas. Agustín “O Vicentito”
conduce un tráiler que só el ve mentres non para de dar voltas arredor de si.
O “tenente Mateo” é policía secreto en
exercicio permanente; don Ramiro, o mestre políglota, alcumado “O Estranxeiro”;
Pepe Tejada, anda sempre a preguntar canto mide un quilo; o Pelado de Damil é
un franquista elocuente; JB, un toureiro carente de valor pero sobrado de
estilo; Rafa Cacá, un anano bombeiro e toureiro; o “Fona” anda atarefado en
medir os peidos; a
Enrique “Picamoca” cando o mandan ir á seitura di que non, ”que pica a moca”; O
Manequín anda disfrazado todo o ano menos no Entroido que vai espido ... Desta
panoplia de “feridos polo vento” destacan dous: o avó Mauro “O morto”,
resucitado polo magnesio da cámara fotográfica axuntaba ao seu redor a todos os
inocentes, parviños ou toliños da vila e dos arredores dos que levantaba
exhaustivo censo e Demetrio, o de corpo lambido, que foxe da vila tan pronto
tocan a morto e planta unha árbore cando nace un neno, tras do preceptivo informe
do sanatorio.
Mais
a novela está construída ao redor de Antón, un mozo adolescente, trasunto do
autor, moito máis do que poida un pensar,
que nuns poucos días do verán de 1978 vai descubrir o amor, a morte, o
sexo ... Poderiamos pois denominala unha novela de formación? Si, pero
demasiado simple. Na miña opinión trátase máis ben dun relato da inocencia ou,
mellor, da perda da inocencia dun “teenager” que nos días roubados ao internado
descobre o amor: e cando regresa liberado do secuestro salesiano a morte
róuballe brutalmente a inocencia. Esa morte, ese desexo incumprido, ese amor
roubado deixara un pouso permanente de tristeza, de abatemento, en todo o
relato. Mesmo cando de súpeto a vida rescata o adolescente e descóbrelle o
sexo. O mundo descuberto ven acompañado de remorsos da traizón: “...dóeme o
pracer case na mesma medida en que me atormenta o recordo” (p. 125) e do sentimento de culpa .
Memoria,
culpa, morte e amor, música e literatura sempre presentes na obra de Riveiro
Coello construída coa tenacidade e a paciencia do ourive.
*Publicado
en Tempos Novos, febreiro 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario