martes, marzo 28, 2017

As pedras non falan

Termas do Alto da Cividade, Braga
En diversas etapas da miña vida realicei actividades de animación cultural. Mesmo durante algúns anos de forma intensa. Esa experiencia acumulada obrigoume a reflexionar sobre as formas de persuasión dun público, en principio numeroso, disposto a achegarse á cultura pero non a disertacións egóticas (de ego), rococós (por recargadas), sectarias (por despotismo ilustrado) ou delirantes (por trastorno serio da personalidade). Poderíamos seguir engadindo negatividades.

Estas cuestións teñen a súa importancia en calquera actividade cultural por humilde que ela sexa. Hai presentacións de libros  que espantan a quen cometa a erro de acudir, agás familiares e amigos, e hai outras nas que a xente sae co libro debaixo do brazo; hai recitais poéticos que provocan un afastamento, ás veces irremediable, da ars poética e outros que engaiolan e as persoas ouvintes saen convencidas de que tamén elas poden escribir poesía; hai representacións teatrais que xeneralizan o desacougo nas butacas,  filmes que imprimen unha axitación nas pernas como se estivesen a quecer para botar unhas carreiras ao redor da sala; conferencias cunha potencia somnífera que poderían aquelar as contas da seguridade social e outras tan campanudas que parece que o dicente anda a flotar por riba dos xardíns de Aranjuez, ao tempo que teño escoitado xenetistas, nanotecnólogos e físicos teóricos convencer o auditorio para matricularse nos estudos desas especialidade.  Ora, en parte, o resultado, positivo ou negativo, depende tamén da xestión do acto.

Todo o anterior toma unha dimensión extraordinaria cando batemos con  proxectos de conservación/restauración do patrimonio. Cando menos, ocorréseme, por dúas razóns. Primeiro  porque o patrimonio construído ten, por parte da cidadanía en xeral, unha aceptación de inicio, admirativa pola dimensión ou, simplemente, pola pretendida antigüidade que nos retrotrae á  orixe grandiosa dos antepasados. En segundo lugar porque a conservación-restauración supón sempre uns custos elevados que corresponde sufragar á  sociedade que, xa que logo, ten que considerar de moita importancia tales  investimentos. Moitos dos proxectos conservacionistas fracasan por non atender as dúas últimas e cruciais fases. Por unha banda o mantemento dos bens restaurados e por outra a divulgación que fai posible o mantemento. Calquera monumento restaurado que non xere atención para o seu mantemento volverá ser ruína.

Todo isto resumiumo o outro día un amigo, científico de microscopio, que me comentou: “As pedras non falan!”. Non, quen estaban a falar eran Manuela Martíns, Professora Catedrática de Arqueologia do Departamento de História da Universidade do Minho, e Luís Fontes, Arqueólogo da Unidade de Arqueologia da Universidade do Minho.

Falaban polas pedras para que nós as entendésemos.


Luns, 27 de marzo de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario