De
cando en vez paso o río común para facer a “compra”, dar un paseo, xantar coas
amizades, mercar viño ou tomar un café.
Nestas
xornadas de reparación corporal e mental xorde, convertida xa en lugar
común, a conversa admirada sobre as
vilas do sur: o gusto polo patrimonio construído, o coidado do natural e dos
xardíns, a limpeza das rúas, a amabilidade dos vendedores, o falar baixiño nos
restaurantes... O contraste entre unha e outra beira é tan salientábel que fai
ineludíbel que os falares camiñen pola diferenza.
Despois vén o debate sobre as causas. Aquí xa non hai unanimidade. Uns falan da
cultura. Outros de que o salazarismo non era tan ignorante como o franquismo.
Os de máis alá dos recursos chuchados ás colonias. Os de máis acá da
explotación dos “camponeses”. E outros
da pegada das escolas de arquitectura... Eu apoño tamén o meu parecer; o de que
do lado de abaixo teñen soberanía e do de arriba non.
Refírome
á “soberanía estética” que reclamaban, en Lugo,
as Irmandades da Fala, hai case un século, sobre “as costruciós urbanas
e ruraes”. Demandaban os irmandiños daquela unha lei que obrigase os
propietario a “axeitare o estilo das suas costruciós”, permitise a expropiación
de “moimentos e paisaxes” e organizase o “ensiño artistico”.
Cada
vez que viro cara a Mañufe e ollo o centro simbólico do Val Miñor sen fuste nin
capitel, rodeado de piche e de coche e atraveso o río por riba dunha plataforma
de formigón sostida por unha ponte do século XII caéme a soberanía estética
aos pés.
Martes,
sete de marzo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario