mércores, marzo 29, 2017

Auga

Fonte do ïdolo, Rúa do Raio, Braga
Noites calorosas dos veráns de antes. Polas fiestras abertas entraba non só o frescor nocturno, senón tamén o croar permanente dos milleiros de ras que inzaban a Lagoa da Veiga. Adurmiñando entre o monótono cro... cro soñabamos que ao día seguinte iamos encher a cesta das troitas cos batracios pescados, coido que así diciamos, cun trapiño vermello agarrado na punta dunha tanza que alongaba a canivela fogueteira. Non se podía achegar un moito porque deseguida te presentían e fuxían. Era así como as pillabamos non como o bruto de Olmo Dalcó en Novecento que o facía coas mans, metido no regueiro. Por suposto que nunca as probei. Vendiámosllas vivas, por uns patacos, ao “Dios” de Veiga que tiña unha taberna na que servía as zancas con moito éxito. Hai moitos anos que a ras non croan nin a Lagoa de Veiga ten auga.

Tardiña calorosa de verán de antes. Na fresca, miña nai atende os dicires dunha señora moi maior da que non lembro máis que o conto. Seica no Puzo do Lagho hai unha cidade afundida pola maldade das súas xentes. Seica María e Xosé, camiño de Belén viñeron dar unha volta por Maside e como tiñan moita fame andaron a lle pedir á veciñanza do lugar un anaco de pan, pero ninguén llelo quixo dar. Marcharon famentos. No alto toparon unha nena comendo un anaco de boroa e xogando coa súa cadeliña. Pedíronlle de comer e a cativa compartiu o seu currusco coa nai de Deus e o seu home. Entón dixéronlle a maldición: “Lagho te solagho co da arriba para abago, menos a esta nena e a súa cadela”. Ou así o recordo. Aínda queda xente que o día de San Xoán escoita os sinos da igrexa afundida. Logo souben de Antioquía, de Valverde... Mentres o Puzo esmorece agoniado por golfistas e cabalistas.

Durante miles de anos brotou auga naquela fonte. Hai moitos miles que alguén, sabemos o seu nome, Celico Fronto de Arcóbriga, mandou tallar unha figura de máis dun metro de altura, hoxe moi degradada, á esquerda outra figura dentro dunha edícula. Os estudosos opinan que se trata dun lugar consagrado á  deusa das augas Nabia, asimilable á deusa Fortuna. Unha divindade estendida por toda a Gallaecia. A fonte, tras as moitas obras na bracarense Rúa do Raio, hai anos que non deita auga.

O  pasado 23 foi o Día Mundial da Auga. Ben sei que con estas teimas mediáticas de andar dedicando cada día do ano a unha conmemoración, estas perden o seu inicial poder mobilizador. Ata o primeiro de maio. Hai algunhas das que non nos deberiamos esquecer.


Mércores,29 de marzo de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario