xoves, marzo 16, 2017

Imaxinación e adolescencia. Perigo!

Sempre tivo éxito iso de facer listaxes do que sexa, pero agora coas redes sociais converteuse nunha pandemia. Os dez, ou cen, mellores libros, goles, cancións, películas,... en fin unha enfermiza paixón ordinal. O outro día batín cunha delas, con motivación un chisco diferente ao de costume. Os dez libros máis prohibidos ao longo da historia debidamente ordenados. Por suposto non se achega ningún outro dato ao respecto, nin de época, nin de países, nin de linguas... Sobreenténdese que a relación se elaborou nos EE UU, é coñecida a súa afección extrema á orde competitiva, ou cando menos no mundo cultural anglosaxón, pois que non sexan en inglés só se inclúe o Cándido de Voltaire. Tamén hai un predominio absoluto da narración e están ausentes tanto os libros de poesía como os de ensaio.

En calquera caso a listaxe ten o seu aquel e tamén unha sinxeleza censora evidente. Fóra da ironía volteriana e a rareza de topar na listaxe o Harry Potter, seica moi criticado nos EE UU, supoño que non prohibido, por promover o ocultismo.

Os outro títulos agrúpanse en  só dúas categorías temáticas. Unha a que trata temas de adolescencia conflitiva, violacións femininas,  discriminación racial, tratadas nalgún caso cunha linguaxe denominada vulgar e que sería máis aquelado alcumar de popular. A listaxe vai así: A cor púrpura (Alice Walker); Eu sei por que canta o paxaro engaiolado (Maya Angelou); Matar un reiseñor (Harper Lee); Loliña (Nabokov); O gardián entre o centeo (Salinguer) e As aventuras de Huckleberry Finn (Twain). Nótese que as tres primeiras, isto é, as máis censuradas son obra de mulleres.

As outras son dúas distopías. Semella que imaxinar futuros escuros non é do agrado da moral dominante: O mundo feliz de Huxley e o orweliano 1984.

Imaxinación, adolescencia e feminismo acostuman ser mal vistas pola orde establecida.


Xoves, 16 de marzo de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario