Fica
no fondo da retina adolescente unha enorme pintada no muro da estación do
Empalme. Non lembro que dicía. Era marzo do setenta e dous. A terra tremaba e
as réplicas estendíanse polo país todo. Notamos a ausencia do profesor de
Literatura, de súpeto substituído pola de Francés. Logo soubemos que o
prenderan; dicían que por andarlle a falar aos obreiros de Ferrol para que se
sublevasen. A verdade é que aqueles días fora dar clase. Non entendiamos moito
e os profesores non amosaban interese en aclarar as dúbidas que comentabamos
polo baixo. Regresou antes do fin de curso. Poucos falaban polo claro, mais
todos sabiamos que pasaba. Abrírase a fenda.
O
outro día o veterano ex-sindicalista de Citröen, Anxo G. Ferreira, referíndose
ao devir particular daquel ano e ás consecuencias posteriores na factoría
viguesa, falou do ano 1972 como “a fronteira”.
Poderíamos
empregar tamén o termo para referírmonos a aquel ano no conxunto do
país. Alí iniciábase a derrota do réxime.
O antifranquismo galego, autónomo con respecto do español, deseñaba o
seu propio camiño cos obreiros das grandes concentracións fabrís (Barreras,
Bazán, Citroën) á fronte . Aprendizaxe moi dura a daquel ano, inzada de
fracasos, represión, sufrimentos persoais e familiares... pero as organizacións
obreiras e as forzas de esquerda e nacionalistas tomaban folgos para afrontar
os conflitivos anos que se intuían.
Que
45 anos despois se siga conmemorando a xornada lutuosa do 10 de marzo, no que
ducias de traballadores ficaron feridos na ponte das Pías, e dous deles (Amador
e Daniel) faleceron, é síntoma do profundo impacto que os acontecementos daquel
ano produciron na sociedade galega e da permanencia do mesmo.
Venres,
10 de marzo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario