Andaron
hoxe, as xentes de aquí, á beira, dunha
cidade lindeira á vila condal, de “feriado”, como din máis alá do Miño. Seica
tiñan moito que celebrar. O de festexar, na España inventada polos carcas
liberais da segunda raíña Isabel, sempre ten que ver cos santos ou con glorias
patrias. Este último é o caso. Celebran a recuperación da cidade das mans dos
franceses. Como diciamos hai uns días a realidade é moito máis complexa que os
manuais, en especial daqueles escritos para agrandar os chauvinismos locais.
Como
é sabido as festividades serven para reproducir a ideoloxía dominante (Igrexa,
Estado), para o control ideolóxico da poboación e como válvula de escape a
través dun divertimento baixo vixilancia (o único descontrolado era o
Entroido). Nas celebracións de carácter estatal non relixioso teñen especial
relevo aquelas que concertan a exaltación banal da nación (M. Billing)
constituída na vitoria heroica sobre o invasor. No caso español precedida dun
RE grandioso. A reconquista que durou setecentos anos e que volveu abrollar
cando a expulsión dos gavachos. Contra estes últimos e os mouros afirmouse a
nación española.
Procurando
achegarme á realidade sempre que se
achega un 28 de marzo pregúntome: e se estivese alí , aquel 28 de marzo de
1809, que faría?. Ben, nótese que como non estiven alí podo preguntarme estas
cousas; se alí estivese non me andaría a preguntar ningunha destas gaitadas senón
que procuraría espelirme para salvar o cu. Pero, en supondo.
Na
irreal reflexión chego á conclusión de
que ficaría instalado nun fraccionamento esquizoide, nun nin arre nin xo,
extremadamente perigoso para a miña supervivencia. Por unha banda véxome
partillando as ideas ilustradas que as tropas napoleónicas espallaron pola
Europa apresada nas gadoupas da nobreza máis casposa e retrógrada, e pola outra
no convencemento de que non hai imperialismo bo, nin o español, nin o francés,
nin o alemán, o norteamericano ou o soviético.
Así
que custándome verme como un seguidor de Cachamuiña tampouco me vexo soportando
as ordes de Chalot. Perigaría o meu cu ante tamaña indefinición.
Martes, 28 de marzo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario