martes, marzo 14, 2017

Medo

Na intrahistoria do galeguismo tense recorrido en moitas ocasións ao medo como explicación de certas actitudes; en especial con Risco. Piñeiro, e outros, aduciron o medo patolóxico de don Vicente como forma exculpadora,  tanto da súa colaboración co franquismo como do abandono do máis morno galeguismo. No fondo esta xenerosa absolución evitaba entrar a valorar o filonazismo, o conservadurismo extremo, o tradicionalismo, o estraño esoterismo do ideólogo e “cabezaleiro” do nacionalismo durante a década dos vinte. “Todo nacionalismo ten os seus carlistas”, díxonos hai anos Lois Tobío.

É unha hipótese plausible que o antiesquerdismo de Risco se virase fobia tras o asasinato de Calvo Sotelo co que tivera relación, dende as eleccións de 1918, a través de Losada. Naquela altura os dous nacionalistas galegos apoiaron ao de Tui na súa exitosa candidatura polo distrito do Carballiño. A relación mantívose cando  se converteu en rutilante estrela da ditadura de Primo con promesas incumpridas para desgusto de Losada e Risco. As páxinas dos xornais cos detalles do seu asasinato tiveron que producir un forte impacto na personalidade de Risco.

Medo físico témolo todos; mesmo medo patolóxico como probablemente o tiña Risco. Ora, ese medo, nin o enfermizo, é argumento xustificador dunha posición ideolóxica; pode selo dunha actitude pero non dunha elaboración que pretenda ter un mínimo de racionalidade.

O profesor Fontana ofrécenos a resultas da súa última gran obra El siglo de la revolución (Crítica, 2017) unha manchea de reflexións acerca da influencia do medo non xa nas condutas individuais senón nas actitudes políticas. Así considera que o medo esaxerado aos bolxeviques, personalizados en Lenine, foi determinante tanto no ascenso do fascismo en Italia como no fracaso dos proxectos reformistas da República de Weimar e da II República española. Do mesmo xeito o medo á URSS a á fortaleza dos sindicatos obreiros favoreceron as negociacións colectivas e as políticas reformistas na Europa das tres décadas gloriosas. E, por igual, a desaparición do medo á URSS favoreceu o éxito das posicións radicais do ultraliberalismo; a minoría rica xa non tiña que facer concesións.

Son dos que pensa que o medo (real ou inducido) á desigualdade, á pobreza, aos refuxiados, aos inmigrantes están detrás tanto da expansión da extrema dereita no centro e norte de Europa como das dificultades para a consolidación dunha alternativa de esquerda no sur.

Ese mesmo medo explica, en gran medida, a vitoria electoral de Trump.

Luns, 13 de marzo de 2017







Ningún comentario:

Publicar un comentario