É evidente que son moitas as diferenzas entre o
sistema político do Reino de España e o da República Portuguesa. Mesmo a
comezar polo rotulo de cada un deles. Mais hai outras tamén poderosas na orixe da lexitimación de cada un dos réximes
ibéricos.
Só por rememorar de xeito apresurado. Hai catro
décadas, nun bocadiño serán 43 anos, o 25 de abril de 1974 o Movemento das
Forzas Armadas (MFA) abría as portas e a xente ocupaba as prazas da liberdade
con “cravos” vermellos. Durante dous anos de
inestabilidade política, Portugal estivo no centro do furacán da xeopolítica
occidental e baixo os ameazantes ollos mouros dos canóns da OTAN-USA. O xeneral
Vasco Gonçalves, primeiro ministro de catro dos gobernos provisorios do
denominado Proceso Revolucionario en Curso (PREC), (xullo 1974-setembro de
1975) dicía a quen o quixera
escoitar que participara nun golpe de estado para sacar o seu país da guerra
colonial e non para metelo nunha guerra civil. Mario Soares era a cabeza da
férrea oposición ao Vasco. No enceto do ano faleceu o ex primeiro ministro e ex
presidente e foi soterrado con grande
“suceso” de masas. Mudara nos anos da
vellez; criticou as políticas de austeridade da UE e apoiou o diálogo de
esquerdas que sustenta o goberno de Antonio Costa.
Durante catro décadas as esquerdas portuguesas
non foron quen de entenderse. Nin antes nin despois da caída do muro de Berlín.
Hai múltiples razóns. Podemos telegrafar algunhas. Antes de 1989, as tensións
entre o PSP e o PCP durante o chamado Verão Quente de 1975; os distintos
modelos de democracia que actuaban como referencia de cada forza: liberal (PS),
popular(PC); o aliñamento do PCP coa URSS; a fortaleza parlamentaria do PCP e a
rotunda negativa de Mario Soares ao entendemento entre as esquerdas fixeron
imposible a máis leve aproximación. Despois da disolución da URSS, a viraxe
cara ao
centro do PS; o mantemento da esquerda na esquerda; a confrontación
sindical entre a CGTP e a UGT e o nulo reclamo sindical por unha alianza; a
escasa experiencia de gobernos da esquerda nas “autarquías” ; o temor das esquerdas radicais a diluírse e perder a súa
identidade nunha eventual alianza e finalmente o absoluto desinterese dos
sucesivos lideres do PS, do PCP e do Bloco de Esquerdas de realizar
aproximacións, nin sequera de tenteo, profundaron na incomunicación.
Por que
hoxe unha coalición de esquerdas apoia o goberno de Antonio Costa?
Podemos tamén telegrafalas. Polas brutais políticas de austeridade impostas
pola troika; pola viraxe
cara á
dereita do partido Social Demócrata en alianza co CDS-PP; pola presión das bases para que os dirixentes
se entendesen; polo risco serio de pasokización do PS; pola experiencia de
goberno de Antonio Costa, en alianza con outras esquerdas, en Lisboa; polas
sensatas propostas de Catarina Martíns e o arrastre sobre o PCP; pola situación
parlamentaria de maioría relativa do PS e a maioría absoluta da esquerda; polo
relevo xeracional no PS e a vitoria nas primarias de Antonio Costa; pola
intelixente percepción por parte da dirección do PCP de que son outras as
necesidades e os tempos.
No Reino de España os últimos corenta anos
partiron dunha reforma da ditadura controlada polas cortes franquistas que en
menos de tres anos foron quen de apoucar os sectores máis
recalcitrantes, o chamado búnker, co apoio das potencias occidentais comandadas
pola OTAN-USA que observaba con temor as tensións portuguesas. Unha reforma do
franquismo que deixaron ben atada, hai trinta e seis anos, nun controlado golpe
de estado que asegurou a supervivencia das elites económicas, a consolidación
da segunda restauración borbónica e un sistema político baseado nun pacto de
alternancia só descompensado polo elemento diferencial da existencia de tres
nacións negadas con maior ou menor vontade de ser.
A esquerda inexistente contra a ditadura (PSOE)
foi a gran beneficiada no réxime postfranquista. A esquerda contra a ditadura
(PCE) diluíuse, despois dos correspondentes parabéns polos servizos prestados,
nunha enorme debilidade parlamentaria.
Na década dos oitenta a esquerda ficou
abducida por un PSOE que non tardou en
rectificar veleidades esquerdistas (recoñecemento das nacións, integración na
OTAN, abandono do marxismo, afastamento de teses da social democracia) para
camiñar entusiasmado polos vieiros do social liberalismo inspirado por Clinton,
Blair e Schröder. Tras a caída do muro todo foi máis doado, un PSOE centrista
aplicaba as política neoliberais sen deterse en miudezas, mesmo enfrontándose á súa matriz
sindical (UGT). Mentres, a esquerda radical era incapaz de erguer unha
alternativa alucinada pola fantasmagórica teoría anguitiana das “dúas beiras”,
preludio da actual e non menos iluminada de “cavar trincheiras”.
Tras o período continuista da cleptocracia
privatizadora e chulesca de Aznar, o PSOE agardou paciente a súa quenda ata que
choveu en forma da brutalidade bélica que lle bateu a Rajoy nas napias.
Zapatero afrontou a súa primeira lexislatura con xestos de rousar para
reconducir o PSOE cara á esquerda
moderada tentando gañar apoios nos sectores máis sensibles a certas cuestións
(reforma educativa, liberdades persoais...) e mesmo atrevéndose a facerlle promesas en van (despois de humillar o Plan
Ibarretxe) a Cataluña. A súa debilidade e incapacidade persoal e a vella
dirección do felipismo guerrista só foron quen de provocar irritación: en
Cataluña por “cepillarse” o estatuto e nos electores de esquerda co golpe
anticonstitucional (2011) modificando o articulo 135, con nocturnidade e
aleivosía, por mandado da troika. Entregáronlle o goberno ao seu “partenaire” da dereita.
A irritación social expresouse primeiro nos
comicios europeos de 2014 e despois nas xerais de decembro de 2015. Mais nin
España é unha república, nin houbo unha ruptura coa ditadura, nin o PSP é o
PSOE andaluz, nin o PCP é o PCE, nin o Bloco é Podemos, nin hai no Reino de
España un Antonio Costa, nin unha Catarina Martíns, ou un Jerónimo de Sousa,
nin cousa que se lle poida asemellar. Tampouco hai, por fortuna, unha extrema
dereita que poida recoller, en palabras de Fontana: “a ira cidadá contra as
elites”. A cidadanía fíxolle este encargo á esquerda mais esta non soubo
atender a reclamación.
A esquerda no Reino de España tivo a súa
oportunidade pero o único que fixo foi guindar o neno xunto coa auga. Unha das
beiras por estar enfeudada cos promotores económicos e políticos que lle deron
catro décadas de poder, escintileo e substanciosas contas correntes. A outra, a
nova, arrastrada por enxurrada de votos que non souberon encamiñar e os
trataron coa soberbia de quen coida que chegou a hora de axustar contas co
pasado. Ambas as dúas beiras porque seguen sen entender que un goberno da
esquerda precisa o apoio decidido das esquerdas das nacións que queren ser, en
especial de Cataluña polo seu peso demográfico. Ese apoio sería contundente se
o programa de goberno da esquerda contemplase un proxecto federal a catro
bandas e iso significa unha ruptura co réxime de 1978.
As elites formadas no réxime corrupto do
franquismo sobreviviron e reproducíronse
no postfranquismo no que se comportaron coa prepotencia de quen se considera
lexitimado pola tradición de espolio dos “aristoi”, que na vella Grecia eran os
únicos que podían recibir agasallos, os outros tiñan que dalos.
A diferenza entre o Reino de España e a
República Portuguesa é tan evidente como que o ex primeiro ministro portugués
pasou dez meses en prisión preventiva e segue na espera de xuízo, mentres un
familiar político do rei de España, xulgado por delitos mais ou menos
semellantes, xulgado e condenado, reside en Suíza coa súa ignorante esposa
mantida polo erario publico celtibérico.
*Publicado en Novas do Eixo Atlántico, marzo,
2017
Bom artigo, vou-no partilhar
ResponderEliminar