Cando
Guizot, o ministro e xefe de goberno, durante oito anos, do rei burgués Luís
Filipe de Orleáns, lles dicía ás súas bases sociais, isto é, á burguesía rica
de provincias, o de Enriquecédevos! , na realidade estáballes a dicir apoiade o
meu goberno que coutarei os demócratas (os que queren votar) e agasallareivos
con concesións de minas, ferrocarrís, canles, pontes, subministracións militares...
A revolución de 1848 levouno por diante. Aquel ano Marx e Engels publicaban un
folleto que comeza, segundo a tradución de Franck Meyer,: “Un espectro percorre
Europa...”.
Dende
aquela nunca o liberalismo doutrinario gozou de tanta popularidade como nos últimos
corenta anos. Carlos Solchaga, o ministro de Economía dun tal González, díxolle,
un día de febreiro de 1988, a uns mil empresarios de provincias reunidos no
Congreso dos Deputados: “España es el país donde se puede ganar más
dinero a corto plazo de Europa y quizá del mundo” ( e seguiu...).
Despois,
un tal Aznar non dixo nada pero fixo. Non vos conformedes con enriquecervos;
estade orgullosos e exhibídeo. Seguía as ensinanzas da Sra. Thatcher e o seu
“capitalismo popular” (contadictio in terminis). Despois veu 2008 a concentrar
por arriba e a lembrarnos a Marx e o seu peixe grande que devora o pequeno. Os
superviventes seguen gustando de exhibirse.
Os
galegos debemos estar tristes estes días xa que o noso home no ranking vén de
perder o terceiro lugar no podio ao ser superado polo propietario de Amazon.
Non porque gañara menos, que gañou máis,
senón porque eles, os peixes grandes, cómeno todo (como os vampiros do Zeca
Afonso) nesta guerra que van gañando (Buffet ,o segundo no altar, díxoo hai tempo). Mentres o primeiro, os
demais tamén, seica xestiona millonarias
sumas para fundacións sociais porque os
gobernos se corrompen. Como Guizot que non quería que votasen, non xa as
mulleres, nin os obreiros e campesiños analfabetos, senón os pequenos
burgueses. Ou será simplemente para pagar menos impostos.
Luns,
20 de marzo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario