domingo, marzo 19, 2017

Lóxica

O profesor presenta o problema. Un tren sae de Barcelona en dirección a Madrid a una velocidade constante de 300km/h; outro tren sae en sentido inverso a unha velocidade constante de 325Km/h. O traxecto é de 1.000 km. En que punto da vía se cruzarán. Responde o alumno ou alumna razoable: Non o sei profe, pero o que se van é a estrangallar.

A oportunista promesa (“apoiarei o Estatut que aprobe o Parlament”-2003-) de Zapatero (para gañarlle a presidencia da Generalitat a CiU), con posterioridade incumprida e, o que peor, con rexouba (lembren o “cepillado” do Estatut que anunciou A. Guerra e despois aconteceu -2006-); o recurso de inconstitucionalidade presentado polo PP -2006-; a sentencia do Tribunal Constitucional, 2010;  a crise económica desatada en 2008 e a crise de representación do réxime do 78 (o café para todos)... prenderon os motores do tren catalán que ten prevista a súa saída para outono. Van alá case trece anos da promisión zapaterista. Os trens están preparados para saír das súas respectivas estacións, pola mesma vía e a velocidade endemoñada.

Alguén terá que facer algo. E a quen lle corresponde é ao quen leva anos sen moverse do sofá, coa bata posta, o Marca na man e o charuto na boca. Díxollo o mesmo presidente do Constitucional o outro día cando abandonou o cargo e citou unha frase de García Pelayo, primeiro presidente do Tribunal Constitucional: “Hay problemas políticos que pueden resolverse satisfactoriamente por métodos jurisdicionales, pero hay otros que solo pueden y deben resolverse por la vía política”. É evidente que estamos ante un deses problemas que só “poden e deben” resolver as instancias políticas.

Domingo, 19 de marzo de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario