O
domingo practiquei un deses praceres que nos podemos permitir a veciñanza
miñorá e achegada. Ir a un cine dos de sempre. Unha sala que vai pola vella
pero con tecnoloxía actualizada e unha programación excelente non sometida a
criterios do consumismo instantáneo. Criterio nos filmes exhibidos compaxinado
con sensatas prohibicións, a través de
carteis feitos a man con textos como: “Se ruega no comer chicles, pipas y otros alimentos que puedan molestar a los
espectadores”, “Se ruega a los espectadores no encender los cigarrillos hasta
abandonar la sala” ou “Apaguen sus moviles” (unha pena que a esta advertencia
non lle fagan caso).
Fun
ver un filme fresco, sorprendente, para
min, do recoñecido director iraniano Asghar Farhadi. Un que non segue o cine,
nin outras cousas, ao detalle, non vira antes ningunha das súas películas a
pesar de acadar esta xa o seu segundo Óscar (2017 e 2012) á mellor película en
fala non inglesa. Esta O viaxeiro, a anterior A
separación. O cineasta non foi recoller o premio deste ano en solidariedade
cos seus concidadáns vítimas da política xenófoba de Trump e a súa maioría.
Un
xogo coa representación teatral de Morte
dun viaxante de Arthur Miller, e tamén a cultura norteamericana, na que actúa
a parella protagonista, permítelle un ir e vir dende a realidade ao escenario, ás
veces un chisco forzado. A parella de actores, no Teherán só intuído, teñen que
se mudar de casa, este traslado alterará de forma substancial a vida da parella
e tamén o desenvolvemento do filme que dunha narración visual con atrevidos
encadres irá derivando nunha narración case teatral. Nesta evolución narrativa
o guión e a dirección conseguen prender o espectador nunha feitura de thriller tan
aberto que as interpretacións poden ser moi variadas.
O
“intríngulis” do asunto está en que na nova casa a moza, Rana, sofre unha
agresión que o guión deixa sen concretar en detalle. O mozo, Emad, que nun
principio, ao contrario que a moza, procurou integrar o conflito na vida cotiá,
co paso dos días tomará a agresión dun xeito obsesivo e irá amasando unha
profunda sede de vinganza. Procurará atopar o autor da agresión mentres a tensión vai en
aumento entre a parella pola distinta actitude ante a agresión.
Paseniño
as tensións sociais, patriarcais, machistas, atávicas, acumúlanse ao longo do
filme empezoñando o carácter do protagonista e arrastrando a parella cara a ruptura.
O
exceso no castigo infrinxido polos desexos de vinganza vólvense contra o
vingador.
Alguén
deberá ter en conta a advertencia de Asghar Farhadi ante o anuncio de ETA do
seu desarme unilateral e incondicional para o próximo 8 de abril.
Mércores
22 de marzo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario