Acabo
de chegar da presentación do libro de Anxo G. Ferreira, A fábrica. Crónica de corenta anos de acción sindical, o
sindicalista curtido en mil batallas da mesma guerra, en mil frustracións da
mesma ilusión, experto en achegar miles de cativas areas na construción do
común que os colectivos acaban esquecendo ata que teñen que retomar a batalla
para recuperar os dereitos perdidos.
Falounos
de corenta anos de sindicalismo (1964-2004) nunha fábrica que non nomea pero
que todos sabemos cal é. Respectemos o seu criterio. Referiuse ao paternalismo
de inspiración franquista que rexía as relacións laborais, na fábrica, ata
1972; das corruptelas argalladas nos bodegóns de Balaídos e Castrelos, da
rixidez, dureza e violencia interposta dunha dirección que pretendeu deixar a
democracia na porta da fábrica durante os anos oitenta e dos esforzos dunha
minoría para gañar dereitos para a maioría.
Sábeo
ben quen leva tatuadas na pel as siglas que fixeron e refixeron un proxecto
sindical autóctono dende a Unión Sindical Obreira (USO) á Central Sindical
Galega (CSG), dende o Sindicato Obreiro Galego(SOG) á Intersindical Nacional
Galega (ING) ou á Confederación de Sindicatos Unitarios de Traballadores (CSUT)
pasando pola INTG, a Intersindical, a CXTG, a Converxencia Intersindical ata a
actual CIG.
Deberiámolo
ler con atención nestes tempos nos que non só se pretenden ignorar as conquistas do sindicalismo de clase senón a
existencia mesma da condición de traballador.
Xoves
9 de marzo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario