xoves, novembro 02, 2017

O Afranio en Gondomar


   
Manuscrito de O siñor Afranio e foto orixinal 
Nestas terras miñotas e miñorás, anacos da medieval Terra de Turonio sobre a que divaga, de cando en vez, o Méndez Ferrín erudito e sobre a que ten  achegado documentación e estudo o goianés Manuel Fernández no seu Toronium, teñen orixe dous dos mellores relatos sobre a caza do home iniciada tras o golpe militar de xullo do 36. Estoume a referir ao magnífico Fuxidos do guardés de nación e devoción Juan Noya e a O Siñor Afranio, a vigorosa narración de como o seu autor, o deputado Antón Alonso Ríos, “se rispou das gadoupas da morte” como el mesmo indica no subtítulo do seu testemuño.

    Ao primeiro, Noia andou agochado, de tobo en tobo, por terras rosaleiras, tomiñesas e guardesas, recorrendo á serra salvadora da Groba cando se vía en perigo e procurando refuxio tamén en Oia, concello no que o seu irmán Manuel foi vilmente torturado e asasinado.

    Antón Alonso Ríos escolleu, nunha altura da súa fuxida, outra opción, a de converterse en pobre de pedir. Dende os días terribles de xullo, despois da masacre do Monte Aloia, e ao longo de todo o mes de agosto, logrou zafarse da persecución á  que o someteron os falanxistas de Tui que puxeran prezo á súa cabeza, volvendo unha e outra vez á serra salvadora da Groba, máis en concreto a Torroña, ata que o sete de setembro escolleu converterse en esmoleiro e botarse a andar por estradas e camiños. Na vez de agocharse optou por amosarse, coidando que o deterioro físico o faría irrecoñecible sempre que se afastase da comarca de Tui. Máis tarde, xa en Albarellos, nas terras medievais de Orcellón, Alonso Ríos bautizou o  salvador esmoleiro como Afranio de Amaral quen, en 23 días, foi dende Tebra ata Sorribas, en Forcarei. Alí o Afranio do Amaral pousou e converteuse en criado de servir, ata xullo do 37. Tivo que fuxir e asentouse, durante un ano, en Moreiras, no concello de Boborás. Outro ano, en gran parte pasado na serra da Peneda, seríalle necesario para “risparse”. O 29 de xuño de 1939 desembarcaba en Bos Aires.

    O inicio da xeira fuxitiva de esmoleiro foi en Tebra. Botou a andar pola estrada cara a Gondomar. Ao chegar ao cruce estivo a punto de cometer un erro tirando pola estrada de Tui, polo que tería que meterse polo monte para evitar entrar na vila, e, como escribe o Afranio: “E un pobre de pedir esmola non cómpre que ande polo monte”. Acertou e virou pola estrada de Couso a Vincios. Bordeando os socalcos chegou a Morgadáns. Parou diante da escola na que o seu amigo, o poeta Victoriano Taibo, estaba a indicar os países de Europa cun punteiro. Alonso Ríos lembrou os seus rapaces e os seus degoiros pedagóxicos. Seguiu o camiño sen mirar atrás, mais: “Inda no meu estado de ánimo non deixei de admirar, unha vegada máis, o feitío xeitoso das leiras traballadas formando escadeiras”.

    Tirou cara a Vincios. No cruce da Pasaxe tomou a dirección do Porriño. No seu fuxidío paso por Gondomar a ben seguro Alonso Ríos lembrou o seu tamén amigo, na altura mestre de Chaín, Luciano Folgar Monteagudo, co que colaborara na inspección educativa das escolas federadas e que fora mestre na escola nº 3 “Francisco Giner de los Ríos” de Siador, Silleda. Tamén había lembrar Alonso Ríos o seu amigo José Cribeiro González, mestre de Donas e dirixente agrarista, co que tería coincidido, en moitas ocasións, nas reunións da Federación Agraria Provincial. Aínda que quixese, Alonso Ríos non os podería visitar. Naqueles días estaban presos, despois de ser interrogados, como testemuñas, polo terrible “Tenente Rabioso”, como podemos ler na causa 138/36 seguida contra 23 veciños do Val Miñor polo delito de rebelión.

Alonso Ríos substituíu a Castelao na presidencia do Consello de Galicia. Foi unha figura política e pedagóxica de primeira orde. Infortunadamente segue a ser moi descoñecida a pesar dos esforzos e dos estudos dos profesores Bieito Alonso e Xosé Manuel Malheiro e agora do concello de Tomiño.


Luns, 23 de outubro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario