domingo, novembro 26, 2017

Kamen en Gondomar

Henry Kamen asinando libros no Auditorio Lois Tobío de Gondomar

Foi por novembro de 2007. Unha serie de casualidades quixeron que o brillante historiador británico se achegase ata Gondomar para impartir unha conferencia que titulou “O Conde de Gondomar e a amizade británico-española durante a época moderna”. Foi no auditorio que leva o nome de Lois Tobío, un dos grandes estudosos da figura de don Diego Sarmiento de Acuña. Quen  fixera as xestións que o posibilitaran fora o profesor Manuel Caldas que na altura impartía aulas no IES Escolas Proval de Nigrán. A colaboración do concello de Gondomar e do Consello da Cultura, que participou ademais  a través da presenza do profesor Pegerto Saavedra, fixérano posible.

Lembro que Henry Arthur Francis Kamen andara os dous días e medio que durou a súa estancia, preocupado pola choiva, ata uns extremos que, para os galegos, e ao mellor outras persoas, considerariamos excesivos. A verdade é que chovera. Ao día seguinte da conferencia, fora un venres, entrou, en, diriamos, pánico e esixiunos un billete para regresar a Barcelona. Desequilibrounos calquera previsión orzamentaria tanto por ter que pagalo moi caro como por perder o que tiñamos reservado para o día seguinte. Pero en fin, estas cousas pasan. A verdade é que ben merecera o desvelo tanto a magnífica conferencia como o éxito de público que, con sorpresa, enchera o auditorio. Tamén polo esforzo do profesor Kamen que viaxara dende Barcelona, dous días despois de chegar á capital catalá dende a Georgia norteamericana onde residía na altura.

Reescoitei estes día a súa brillante charla centrada nunha diferente relación entre a monarquía católica e a inglesa, ou mesmo xa británica a partir dunha altura, baseada na fonda amizade que mantivera Don Diego e o rei Xacobe I, quen uniu na súa persoa a coroa escocesa e a inglesa. Detívose en especial nas linguas que se empregaban na diplomacia do momento e na bibliofilia do noso Conde, ao que non deixou de gabar e non só polo convite. Ao remate do relatorio unha voz patriótica e imperial pretendeu corrixilo e lembrarlle as derrotas inflixidas polos gloriosos exércitos imperiais á “pérfida Albión” do malvado Drake; nun momento Kamen optou por preguntar se había algunha outra cuestión e dar o asunto por rematado. Debe ser técnica inglesa pois tamén lla observei a Eagleton noutra ocasión, coa diferenza de que nesta o preguntante non pretendía descualificar o palestrante senón todo o contrario, pero este considerou que o discurso non contiña ningún interrogante, polo que deu paso á seguinte pregunta.

Nas horas que pasamos acompañándoo falamos tanto dos seus traballos como da súa visión dos Estados Unidos, e lembro, ollando as miñas notas, que nos confirmou a profunda mentalidade conservadora da sociedade americana, fóra dalgunhas cidades cono New York ou San Francisco, e informounos do sentimento dun certo pouso de traizón aos soldados que deixou a retirada do Vietnam e que hoxe preme sobre a conciencia de amplos sectores para non poñer en cuestión a presenza militar en Iraq (naquel momento estaba no seu momento álxido o que denominamos Segunda Guerra do Golfo) e aventurouse a predicir a vitoria da señora Clinton nas presidenciais; o paso do tempo confirmounos que a tal señora non só perdeu as primaria fronte a Obama senón que cando gañou a nominación foi derrotada por un cando menos excéntrico Donald Trump.

Hai un tempo agasalláronme cun libro seu, (España y Cataluña historia de una pasión, La Esfera de los  Libros, 2014), que explícita, na contracapa, a súa intención combativa, como a  pretendida interpretación da historia realizada por historiadores e/ou dirixentes políticos partidarios da construción política da nación catalá. O breve resumo, un tanto excesivo, desanimou para a súa lectura. Andando o tempo, o recordo agradable do profesor, a consideración intelectual que lle teño e o bo coñecemento, pola súa parte, da sociedade catalá animoume a lelo tomando unhas prevencións de partida: na miña lectura ía aceptar todos os argumentos de Kamen como válidos, os datos fornecidos como certos, as citas como verdadeiras, ata as non referenciadas, e todas as descualificacións, aínda as máis fogosamente sectarias, como lexítimas.

O resultado foi que o que saquei en conclusión do libro de Kamen, cousa sabida, por certo, é que entre Cataluña e España, ou, cando menos, entre unha parte dos cataláns e o poder político chamado España hai un conflito permanente que estoura, de tempo en tempo, dunha ou outra forma, e que polo de agora sempre rematou coa derrota, en como mínimo tres ocasións, violenta das aspiracións dunha parte da sociedade catalá.

Por certo, nos conflitos sempre hai partes, todas as nacións elaboran mitos e recorrer ao historicismo para descualificar a vontade dunha “parte” da cidadanía nun procesos político contemporáneo de construción nacional semella tan desenfocado como empregar o pasado para afirmar a esencia da nación por riba da vontade cidadá.

En fin, a briosa diatriba de Kamen contra as expresións da vontade nacional catalá non foi quen de convencerme de que esa vontade non exista, de que non sexa prolongada no tempo, e que esta non se dea dun xeito conflitivo co poder político resultante da construción dun imperio e da progresiva desintegración do mesmo.

Xoves, 23 de novembro de 2017
   


Ningún comentario:

Publicar un comentario