martes, novembro 14, 2017

O crepúsculo do fulgor



Apareceu por Compostela  arredor de 1979 anunciando, nas paredes brunidas dos edificios da parte nova, con medida caligrafía, “un jinete que vendrá de la tercera galaxia montado en un carro de fuego y envuelto en una inmensa llama que lo devorará todo y entonces será cuando recobre mis tres poderes, que son los más grandes y absolutos que se conocieron desde la creación del Universo”. O críptico e apocalíptico profeta anunciaba a fin do fulgor, a derrota da xeración universitaria formada no antifranquismo dende finais dos sesenta, e o triunfo dos poderes “más grandes y absolutos” que realizaban con éxito a transformación da ditadura, a través dunha “modélica” transición, sen que as súas elites perdesen nin chisco de poder económico, social e político. Anunciaba o desencanto dos oitenta.

Era Franco del Carro, ou Joe Franco, coa súa estética de vagabundo, o cabelo embastecido, vestido de negro, nin esfarrapado, nin sucio en exceso... inzando paredes de inconexas mensaxes que anunciaban novas formas de intervención artística e poética, dende Oroza ao graffiti. Tal como chegou desapareceu.

Franco del carro en plena acción expresiva
Agora Emilio Araúxo edita algúns dos seus textos rescatados do fondo dos delirios, enmarcados nunhas contornas que debuxan  breves ensaios de Manuel Rivas, Antón Seoane, Rafael Araújo e Suso de Toro e completados cun arquivo de imaxes de Kukas, Fernando Bellas e Manolo Blanco.
Daquela “intransferible cidade de Conxo” próxima á  “gran capital do Saber e de Deus”, en palabras de Antón Seoane, chegábannos os exclaustrados do mosteiro- cárcere das mentes que os que habitabamos no espazo da revolta (que rememoran Rafael Araújo e Suso de Toro) identificabamos de seguida coa “nosa causa”, culpando o  réxime do seu sufrimento. Sen dúbida en moitos casos non nos equivocabamos, como no de Maruxa e Coralia, As Marías.

Complétase o volume cun traballo introdutorio de Antón Lopo que rememora algúns daqueles exclaustrados que deambularon as rúas compostelás xunto á veciñanza e a unha poboación universitaria que a desbordaba:  “O Caudillo” que habitara a cidade de Conxo e enrabiábase moitísimo se alguén lle falaba mal de Franco (do  auténtico, e non do do carro) ou da súa esposa a quen bendicía con entusiasmo; Monchiño comecuernos rousaba descentellado polas esquinas da parte vella co seu retrouso inesgotábel “cabrón-comete-los-cuernos-cabrón”; o  Bretón facendo música na entrada da rúa do Franco co seu bastón rañando a porta mentres cantaba composicións da súa vida, no tempo que lle deixaba libre a súa actividade á fronte do primeiro, e supoño que único, sindicato de pacientes mentais.

O  libro céntrase no fugaz Franco del Carro. Nome que interpretabamos como unha referencia ao ditador e agora sabemos, segundo a información fornecida, estou por asegurar que certeira, por Kukas a Antón Lopo, que estaba en relación coas tapas dos sumidoiros fabricadas por Fundiciones Franco.

Insolúbel. Franco del Carro
Edición de Emilio Araúxo
Introdución de Antón Lopo
Manuel Rivas/ Antón Seoane/ Rafael Araújo/
Suso de Toro/Kukas/ Fernando Bellas/ Manolo Blanco
Chan da Pólvora (2016) P.107
Venres 10 de novembro de 2017

Publicado en Tempos Novos nº 246

Ningún comentario:

Publicar un comentario