mércores, novembro 22, 2017

Os de Baiona e Gumersindo o panadeiro II


Baiona, a comezos do século pasado.
Unha parte importante da causa 138/1936 contra 23 veciños do Val Miñor está centrada en dirimir as responsabilidades de José Villafines, Joaquín Mandado Marcote, José Manuel Leyenda Marcote, Ángel Rodríguez López, Urbano Piñeiro Rodríguez e outras dúas persoas, non nativos de Baiona, que traballaban no “Viladesuso”, o chamado “barco dos buzos”, dedicado ao despece de pecios. A todos eles prendéronos o 25 de xullo cando se achegaban a Baiona nun coche procedente da Guarda e no que traían unhas cantas escopetas de caza e unha pistola.

Nos interrogatorios os detidos aducen, na súa defensa, que regresaban da vila do Tegra despois de facer dúas viaxes para conseguir subministro. Das súas palabras dedúcese que o día 24 de xullo foran a Tui, andando, e regresaran cunha camioneta cargada de fariña, pois en Baiona acabárase, e que ao día seguinte, 25, dirixíronse á cidade episcopal coa camioneta cargada de peixe, que a deixaran alí, pasaran pola Guarda, onde lle emprestaran o coche no que se dirixían a Baiona para entregárense ao ter coñecemento do bando militar.

Da lectura da causa dedúcese que os sublevados non controlaron o Val  Miñor ata o 25 de xullo e que os resistentes tiñan unha certa coordinación coas vilas do Baixo Miño. É curioso que José Villafines e os seus compañeiros fosen a Tui por fariña. O feito pon de manifesto o  evidente, a carencia de pan, pero tamén que na vila tudense ían atopar axuda. E esa axuda viría do panadeiro Gumersindo Rodríguez, líder da CNT local e moi recoñecido tanto no interior do sindicato anarquista como no movemento obreiro do sur da provincia de Pontevedra.

Os historiadores Dionisio Pereira e Eliseo Fernández anotan, no seu O anarquismo en Galicia. Apuntes para unha enciclopedia (Positivas, 2004), que Gumersindo Rodríguez tivo unha intervención destacada en Sobredo, 1922, cando a matanza de labregos antiforistas, polo que foi detido. Durante a ditadura de Primo, pola súa participación na folga dos serradoiros foi desterrado a Lugo. Coa liberdade republicana, Gumersindo participou na dirección cenetista en Galicia dende a que tentou enlazar co agrarismo e defendeu o traballo dos anarquistas cos pequenos propietarios rurais. Nos días da resistencia asumiu a xefatura do comité obreiro e prohibiu toda violencia mesmo cando as súas xentes foron violentadas.

No recoñecido artigo de Cuco Cerecedo. “Cuando la sangre llegó al Miño. La guerra civil en Tui”, publicado en Historia 16 en 1977, un dos fundadores da Falanxe tudense afirma: “Gumersindo era o amo da clase obreira. Se Gumersindo dicía que non se votaba, non se votaba. E había unha diferenza de 600 votos, para unha cidade de 3.000 electores”. E o xefe local da Falanxe na época, declara: “Gumersindo era un home a carta cabal, un tío. Era o amo da CNT, levando moitas malleiras da Garda Civil e moito cárcere. Eu tiña moita admiración por moitas cousas del. Era un home que vivía pobremente a pesar de ter un forno. E saía de noite, sendo moi honrado, a roubar coellos para soster a folga dos serradores”. O seminario e todas as comunidades relixiosas chegaron a ofrecerlle a exclusiva no aprovisionamento de pan se abandonaba a CNT, “Non podo traizoar a esa xente que embarquei eu”, e dicíao sen perder a afouteza, pero sen ofender a ninguén.

O doutor Darío Álvarez Blázquez relátanos os últimos días de Gumersindo: “... os camións descargaron os mortos en varios montóns e alí quedaron ata que chegou o sepultureiro que axudado por varios veciños empezaron a cavar a longa cova. Alguén entrou a contemplar a escena e cando xa ían soterrados algúns dos mortos, decatouse de que entre os que estaban aínda sen enterrar había un que se movía. Acercouse a el e oíu que, cun fío de voz, pregaba: “¡Auga! ¡Por favor auga!” e alertou os enterradores que o sacaron de entre os mortos. Era precisamente Gumersindo. Tiña un só tiro que lle atravesaba as sens pero estaba vivo. Sacárono de alí e levárono ao Hospital de Pontevedra, onde, dende Tui foi vístalo acotío a súa muller. Estaba cego pola bala que lle pasaría de seguro por detrás do quiasma óptico sen atinxir as estruturas cerebrais vitais. Ao cabo dun mes xusto dixéronlle no hospital á muller que ían dalo de alta e que ao día seguinte lle levara roupa para levalo a Tui. María non sabía se era para levalo para casa ou se tería que acompañalo ao cárcere de Tui cos gardas que chegarían a buscalo. Chegou ao hospital na mañá cedo. Gumersindo estaba morrendo no medio de grandes convulsións. Pero aínda a coñeceu. Prendeulle as mans e apreixoullas moi forte. Así quedaron os dous varias horas ata que as mans do marido se soltaron das dela e caeron aos dous lados da cama. Ela pechoulle os seus ollos cegos...”

Sábado, 18 de novembro de 2017

  

Ningún comentario:

Publicar un comentario