En el zaguán hay un espejo, que fielmente duplica las
apariencias. Los hombres suelen inferir de ese espejo que la Biblioteca no es
infinita (si lo fuera realmente ¿a qué esa duplicidad ilusoria?...
Borges, La biblioteca de Babel, Ficciones
Biblioteca de Nova York |
Hai
polémica en Nova York por mor dos
estantes da súa biblioteca, a celebre, a da Quinta Avenida. O seu director non
aclarou se no proxecto de renovación e ampliación da mesma se contempla a conservación
dos famosos andeis. Só manifestou que se estudará o seu uso. Que uso van ter,
díxolle unha señora, colocar os libros.
A
polémica vén orixinada porque os informes técnicos recomendan a retirada
dos estantes que gardaron os preciosos e
útiles volumes dende a posta en marcha da biblioteca en 1911 por causa da
normativa contra incendios que obriga a uns parámetros que non cumpren as
baldas. Agardo que gañen os conservadores e a fermosura da madeira avellada siga
a encher as paredes da biblioteca.
Biblioteca e Arquivo de Galicia. Cidade da Cultura |
Dígoo
porque cando visito a biblioteca e arquivo de Galicia, na morta de nacemento
Cidade da Cultura, éntrame a friaxe de non ver nada quente, de sentirme no
espazo baleiro,na estética fantasmal, na fantasiosa presunción, na frialdade do
quirófano, baixo o esbrancuxado po do cal
hixiénico, onde o que menos importa son os libros, uns aquí e outros alá,
perdidos nos andeis. A sensación que teño no interior da nosa biblioteca é a
mesma que me produciron as imaxes que publicaron estes días os xornais dunha
espectacular biblioteca, seica futurista, na que unha gran parte dos libros son
só aparencia.
Biblioteca de Tianxin-Binhai |
Na
biblioteca de Binhai, en Tianxin, na baía de Bohai, no oeste da China, os
estantes superiores non teñen libros, senón pranchas de aluminio que os aparentan.
Seica no proxecto inicial o estudio holandés
que a deseñou incluíra un sistema de escaleiras ata os andeis máis altos pero
as présas por rematar a obra das autoridades locais fixeron que se abandonase o
proxecto inicial. Binhai é un importante centro económico cunha poboación duns
dous millóns e medio de habitantes e un crecemento anual dun 30% que agora
conta con outro espectacular edificio, non sei se de moita utilidade como
biblioteca. O frenesí é unha das característica da China actual, a do
capitalismo salvaxe que con cólera, rebeldía e dozura nos describe Yu Hua en Brothers
(Seix Barral, 2009). Pódese coñecer pola versión en castelán da tradución
inglesa do mesmo título e, en consecuencia, cunha dupla traizón ao orixinal.
A
reforma da biblioteca neoiorquina, segundo o proxecto doutro estudio holandés, anda enleada coas
normativas contra incendios. Non deberían andar tan preocupados os xestores cos
estantes de madeira, os incendios destrutores de bibliotecas son obra humana.
Ben se sabe que a de Alexandría foise consumindo en continuados saqueos e
incendios ordenados polos civilizadores romanos (César, Aureliano, Diocleciano,
Teodosio O Grande) tal e como lle aconteceu á de Saraievo destruída polas
bombas incendiarias serbias. Reconstruída, con axudas europeas e capital qatarí,
e reinaugurada hai catro anos.
Biblioteca de Saraievo; agosto de 1992 |
Dende
os outeiros dominados polas milicias serbias, na noite do 24 ao 25 de agosto de
1992, disparáronse proxectís de fósforo sobre a biblioteca rematada de
construír en 1894 nun estilo ecléctico e orientalizante cando xa a capital era
parte do Imperio Austro-Húngaro. Parece ser que quen ordenou o ataque foi un
profesor da universidade de Saraievo especialista en Shakespeare, Nikola Koljević,
que tras a desaparición de Iugoslavia converteuse no número dous da República
Srpska que comandaba o psiquiatra, tamén amante da poesía, Radovan Karadžić.
Prefiro
cores cálidas e libros amoreados.
Domingo,
26 de novembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario