domingo, novembro 19, 2017

Cousa de lindes

Noutronte, camiño da Ramallosa, case bato cos nefres contra un letreiro novo, con grafía de doada lectura, letras negras sobre fondo branco, máis  nada. Ten pois funcionalidade informativa, é de gabar, aínda que con tanto letreiro e sinal de tráfico teño a impresión de que xa pouca atención se lle presta. Dicíase, en tempos, que os cambios de ministros notábanse na mudanza de letreiros e sinais, xa que os novos portadores de carteiras sempre tiñan algunha caste de interese na súa fabricación, traslado ou instalación.

Chanzas  á parte, o caso é que este novo letreiro sorprendeume por varios motivos, pola nitidez, porque informaba do nome da parroquia, San Pedro da Ramallosa, e por estar mesmo á  beira do muro delimitador do que foi o meu lugar de traballo durante anos, hoxe coñecido como IES Escolas Proval, mais que durante décadas coñeceuse como Escolas de Mañufe, ata o punto de que, de non mudalo nos últimos tempos, algúns dos autobuses de transporte escolar así rotulaban o seu cartel indicador.

Despois comprobei que a autoridade municipal, supoño, colocara carteis semellantes nas distintas parroquias. Ben está o que está ben. Son dos que pensa que no Miñor arranxabámonos ben cun só concello, sempre que se lle cedesen competencias a órganos parroquiais elixidos.

Mais o conto viña polo de Mañufe. “At the village of Mañufe is a school, more like a convent in size, to whicch children, ofter barefoot, come many kilomètres along the road”, escribiu en 1922 Aubrey F.G. Bell, correspondente do Morning Post, no seu Spanish Galicia. Pasaran dez anos da visita da que falabamos onte, a de Catherine Gasquoine Hartley. O libro ten tamén a súa versión galega realizada, tamén, por Xosé María Gómez Clemente baixo o rotulo de Galicia vista por un inglés (Galaxia, 1994), quen pon estas palabras deste xeito: “Na vila de Mañufe hai unha escola, grande como un convento, á que van os cativos pola estrada dende moitos quilómetros, a miúdo descalzos”. Non pensara nunca na visión conventual do edificio das escolas, pero si que é atinada, en especial ollándoo dende o patio interior.

Coido que aos de Gondomar, moi mirados nestas cousas,  non lles faría nin chisca de graza que o tradutor elevase a Mañufe ao rango de vila, ao traducir “village” por vila e non por aldea. E máis aínda cando, tanto  autor como tradutor,  precisan que a “vila”, a vila do Conde ou A Paradela, é “little town”, isto é unha viliña que describe como “... de casas pintadas de vermello e castaño no medio de outeiros e montañas cubertas de piñeiros”. Máis non debería ser moi errada a percepción do noso visitante sobre aquel lugar de feira que era na altura o que hoxe chamamos Gondomar.

Por suposto que describe outros lugares nosos. A Baiona trázaa como “...unha longa ringleira de casas, con galerías vidradas ou grandes fiestras...”.  O  conxunto do Val debúxao á  beira da estrada; dun lado da mesma “os argazos se amorean mestos sobre a area”; do outro “as casas gabean pola aba da montaña” e na cabeceira da ría, A Ramallosa, “onde comeza o vizoso val do río Miñor”.  A estrada vai camiño de Tui, pero “un camiño máis vello, de pedras sen labrar, sobe ás casas diseminadas de Couso, entre bacelos  esteados en piares de granito, dende onde se aprecia unha vista magnifica do val, das montañas e das illas Cíes que semellan cerra-la ría como un lago”. Condicionado polas pre-visións non se me ocorrera a imaxe do lago, pero o outro día, despois de ler o texto, baixando de Tui, dende o miradoiro de Santo Antoniño cunha lixeira brétema tras das Cíes, alí estaba o lago de Bell.

O libro é ben diferente ao de Gasquoine Hartley. Non só porque o interese “hispanista” desta fose a arte e o do autor a literatura do renacemento senón na mesma concepción que Bell expresa no limiar de non pretender unha mera descrición paisaxístico-deportiva senón incitar aos especialistas en lingua, botánica, arquitectura, etnografía... a achegarse  a “esta fermosa rexión” porque “ha de achar aquí un rico material de estudio”. Un texto coidado, redactado dende un fondo cariño e coñecemento crítico fornecido por algúns círculos galeguistas iniciais, de feito algunhas das ilustracións son debuxos de Castelao.

Agardo que, os de Gondomar, non se  enrabechen por que lle rebaixaran a súa consideración en relación a Mañufe e moito menos porque engrandecesen os fieis de San Brais e de San Vicente, que por algo teñen dous santos.

Mércores, 15 de novembro de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario