O
nome dos lugares expresan necesidades, utilidades, degoiros, acontecementos,
sentimentos do momento no que se impoñen. Poñer nome a un lugar é unha forma de
apropiación do mesmo, mais esa denominación precisa dunha certa aceptación
social e adecuación ou non perdurará moito tempo. De non ser axeitada será flor dun día. En
ocasións as apelacións non son compartidas por todas as comunidades que dalgún
xeito pretenden exercer un dominio sobre ese territorio, penedo, río... Neste
último caso é moi clara a pretensión de apropiación; os ríos son da parroquia
pola que transcorren ata que a súa dimensión obriga a compartilo, o Zamáns chámase así no transcurso pola parroquia hoxe
administrativamente viguesa, pero un chisco mais abaixo é o río de Vincios, ata
converterse en Miñor.
Tamén
os nomes das persoas expresan necesidades, ás veces simples modas, outras
reivindicacións sociais, nacionais ou ideolóxicas. Os que botamos anos na
ensinanza sabemos distinguir as
xeracións en función das novidades onomásticas estranxerizantes, futbolisticas, hollyvoodenses
ou televisivas.Todos recordamos as restras de Marías, Josés e Manolos de hai
unhas décadas e, entre as xentes de máis idade, aínda resoan nomes rigorosamente
xermanizantes; poñerlle a un fillo ou filla un nome galego segue a ser un exercicio
de vontade nacional, aínda que tamén foi moda pasaxeira.
No
Rexistro Civil de Mondariz recóllense catro días da infamia nos meses finais de
1936. Dende unha perspectiva numérica, inaplicable neste caso, o día máis horrible
foi o cinco de outubro de 1936 no que se rexistraron os cadáveres, brutalmente
torturados, de seis veciños do Baixo Miño. Todos moi coñecidos na comarca:
Manuel Piñeiro Zúñiga, comerciante de Amorín; Manuel Pérez Besada e Fernando
Rubio Estévez, ambos de Guillarei; Hipólito Gallego Camarero, coñecido como o
“mestre de Forcadela”, casado con Josefa García Segret, autora de Abajo las dictaduras (Vigo, 1982), obra
na que relata o seu calvario de oito anos de prisión en prisión; Francisco Rodríguez Otero, popularmente
coñecido como “Paquiño de Figueiró”, secretario xudicial de Tomiño, dirixente
agrarista e afiliado ao Partido Galeguista.
Domingo Páramos Núñez |
A
sexta vítima daquel día da infamia foi Domingo Páramos Núñez . A pesar de que o
secretario do xulgado de Mondariz era moi conciso nas súas actas, neste caso
indícanos que o defunto era veciño de Caldelas de Tui e de profesión cerralleiro.
Tiña 55 anos e estaba casado con Julia Rial?. Do matrimonio ficaban dez orfos:
Ferrer, Libertad, Aurora, Armonía, Verdad, Floreal, Progreso, Espronceda ,
Domingo e Julia.
Moita
necesidade de liberdade sentía o cerralleiro de Caldelas de Tui para reiterar nos
nomes dos seus fillos e fillas as súas ansias, as mesmas que cantou Espronceda
ou polas que Francesc Ferrer i Guardia foi
fusilado en outubro de 1909.
O
xornalista D. Prieto nunha reportaxe publicada no desaparecido Xornal de Galicia (12 /04/ 2010) ofrécenos
información sobre Domingo Páramos Núñez. Dela recollemos que nacera en Tui,
fora un home inquedo e cultivado, concelleiro na capital episcopal durante a
República; que viaxara aos Estados Unidos “a busca de trebellos para
perfeccionar o seu oficio”. A información fornécella Espronceda Páramos Riol, de 85 anos na altura
da reportaxe, quen tamén nos informa de que viaxara á Arxentina, onde coñeceu a
quen logo sería a súa muller e nai da extensa prole, Juliana Riol Casado.
Espronceda,
seguramente nunha confusa reelaboración de datas, relátalle ao xornalista: “En
1936, tras a chegada das tropas nacionais a Tui, denunciou unha partida de
carne en mal estado. Levaban camións cheos de reses mortas destinadas a consumo
humano e o meu pai, que era edil de Sanidade denunciou as tres persoas
responsables do matadoiro do Porriño, por iso foi que o mataron”. Daquela, quen
portaba con orgullo o apelido do poeta morto prematuramente, tiña 11 anos e viu,
xunto aos seus 10 irmáns, como os soldados levaron ao pai á praza e “lle
desfixeron a cara a culatazos”.
Evidentemente debe tratarse dunha confusión
xa que aínda que Domingo Páramos Núñez foi concelleiro de Tui, elixido en 1931,
destituído tras as eleccións xerais de
1933 e reposto o 21 de febreiro de 1936, non o foi despois da sublevación
militar.
Na entrevista engade Espronceda: “25 anos
despois da morte do pai, en 1960, recibín da miña sobriña Eva unha noticia
inesperada: os restos de Domingo foran trasladados polas autoridades
franquistas ao Val dos Caídos”, segundo unha certificación asinada polo xerente
do Consello de administración do Patrimonio Nacional.
Infórmanos
o xornalista de que a súa sobriña, Eva Páramos Viñas, mostrábase disposta a tentar
de recuperar os restos do seu avó e engadía: “Na miña casa crecemos sen avós e
con dúas avoas de loito eterno ata o final dos seus días”. O outro avó, o
materno, o líder da CNT Gumersindo Rodríguez Costas, tamén foi asasinado.
Xoves
16 de novembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario