sábado, novembro 18, 2017

Saltacabalos en Baiona


Juego de el paso. F. Goya, Cartón para tapiz, circa 1780, 30,9x43,9 cm. Museu de Belles Arts de València
Antananarivo é una verba mítica da infancia. Sonora, reiterativa en serie a, gravada na primeira ollada, exótica pola referencia, tirada dunha grosa enciclopedia ilustrada e sen pastas que alguén, non lembro quen nin  por que, deixara na casa. Era un groso volume iluminado con debuxos á  plumiña. Recordo, en especial, as moitas, paréceme a min hoxe, paxinas dedicadas a exotismos imaxinarios como Madagascar, a Melanesia, a Australia, a Polinesia, a Micronesia ou a China. Algunha daquelas plumiñas debeu ser a que inspirou a M. Rivas aquel conto de “Un saxo na néboa”, recollido no libro de relatos Que me queres amor?,  que despois, xunto a Rafael Azcona, zurciu para que o ribeirao Cuerda o puxera en imaxes en A lingua das bolboretas.

O de Antananarivo vén a conto por que alí naceu Catherine Gasquoine Hartley, en 1866 ou 1867, quen, andando o tempo, se convertería en escritora e xornalista especializada en arte español, guías de viaxeiros e ensaios sobre as mentalidades primitivas, a maternidade, a infancia...,  nomeadamente despois de casar co seu primeiro marido o tamén xornalista e escritor Walter M. Gallichan.

O caso é que un dos centros do seu interese foi Galicia. En 1910 fixo unha viaxe polo noso país que recolleu en Spain Revisited: a Summer Holiday in Galicia, que se publicou en 1911. Ao ano seguinte deu ao prelo The Story of Santiago de Compostela, con menos fortuna, pois, con posterioridade,  foi acusada de plaxio o que supuxo a retirada do libro das bibliotecas. Do primeiro dos citados hai versión en galego baixo o título de Un verán en Galicia (Galaxia, 1999).


It was at Bayona that I saw the most beautiful girl I had found in Galicia; and there were delightful children. The chicos played at leap-frog in much the same way as English boys, though there were several new and artistic variations in the leap”, escribiu a nosa visitadora. Xosé María Gómez Clemente verteuna á nosa lingua: “Foi en Baiona onde vin a rapaza mais fermosa que atopei en Galicia e había uns cativos encaletradores. Os rapaces xogaban á piola case do mesmo xeito cós rapaces ingleses aínda que había varias variacións artísticas na forma de choutar.”

A escritora inglesa exprésase con entusiasmo sobre as paisaxes e xentes galegas e a “posesión máis fermosa dos vigueses”, a ría, e afirma: “... aquel que nunca vise como se pon o sol cunha chama escarlata detrás das Illas Cies aínda non viviu.” De Baiona, entre diversas descricións, fornécenos a nova do inicio da construción de “un dos faros modernos máis fermosos. Unha estatua colosal da Virxe sostén na súa man esquerda unha lanterna, que será iluminada con luz eléctrica, e na man dereita está un barco gorecido contra o seu peito”. Xa que logo a xornalista debeu visitar Baiona en setembro de 1910, pouco antes de regresar a Londres, xa que a colocación da primeira pedra da Virxe da Rocha foi o 18 de setembro daquel ano. O proxecto, animado polo empresario Laureano Salgado Rodríguez, impulsor do encoro do Pego Negro en Vilaza que producía a electricidade que nesa altura acababa de chegar a Baiona, demorouse durante dúas décadas, seguindo un proxecto de Antonio Palacios como ben ten estudado Xosé Ramón Iglesias Veiga.

Regreso á cita inicial. Quen sería aquela “most beautiful girl I had found in Galicia”?, conservarase en Baiona algunha referencia documental á  xornalista ou na memoria contada? Mais o que me chamou a atención, e me retrotraeu aos meus tempos da Enciclopedia Álvarez, foi o termo piola, para min descoñecido nesta acepción, si como a baraza empregada para facer bailar a buxaina , que emprega o tradutor para referirse ao “leap-frog” da escritora, e, coido, que sería moi semellante ben ao que nos chamabamos “saltacabalos” ou ao que denominabamos “burro”. O primeiro, un xogo colectivo, consistía en choutar por riba do que apandaba tocándoo só coas palmas das mans; a dous ou tres metros apandaba o que viña de saltar para que o seguinte tivese espazo para brincar por riba e apandar... e así sucesivamente; cantos máis rapaces xogasen e máis rápido se fixese máis divertido era;  a maldade estaba en darlle, co talón, ao saltar, un couce no cu ao que apandaba. Podía apandarse cos brazos apoiados nos xeonllos encrequenados ou poñerse de costas coa testa un chisco agachada para que o que saltaba se apoiase  no lombo do que apandaba, pero isto xa era para saltadores de altura.

Xogo do saltacabalos
O “burro” era tamén un xogo colectivo; no que había unha nai que termaba dos xogadores dun equipo que metendo a cabeza nas pernas do colega procuraba facer resistencia para aguantar os que saltaban do outro equipo que facían todo o posible por caer con toda a forza para que os apandadores esbarrancasen, non desen resistido; se o facían apandaban os outros.

O meu amigo Miguel Anxo Mouriño indícame que por estas terras tamén se lle chamaba ao “burro”, “churra” ou “churra maca churra”.
Burro

Xa a autora fala de variacións. Estes serían os meus “leap-frog”, máis ou menos como os dos rapaces baioneses ou londinienses de hai cento e pico de anos. En fin que coas súas variantes era un xogo tan popular que xa Brueguel “o Vello” ou Goya o pintaron; este último nun cadro titulado “Juego del Paso”.

Jan Brueguel "O vello", 1560
Hoxe estes enredos so están nos recordos, os espazos públicos de xogo delimitados e controlados e case, por non haber, non hai nin nenos.


Martes, 14 de novembro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario