Referiámonos onte ao primeiro texto sobre a
infamia iniciada o 18 de xullo do 36, inicialmente publicado co título de La Galice sous la botte de Franco
(1938). Diciamos que se trata dunha obra de urxencia, que narra
feitos inmediatos, que relata acontecementos que ocorreran había pouco tempo,
mesmo días. Aínda así, e a pesar de que
nalgún momento se falou de esaxeración, os
datos e descricións dos feitos que nos achega, hoxe sabémolo, fóra
dalgúns erros puntuais, son dun gran rigor e minucioso detalle o que quere
dicir que as persoas informantes coñecían de moi preto os feitos.
Recollo da paxina 73 da edición en galego (A
Nosa Terra, 1998): “Outro dos asasinos de Bouzas era un tal Erasmo, un tipo
gordo e grotesco que leva un cinto coas cores vermella e negra da Falanxe e que
protexido pola Garda Civil persegue con saña os esquerdistas escondidos. Eu
vino actuar un día en que unhas raparigas estando na praia lle foron denunciar
a presenza por aquela contorna dun fuxido. A caza do home polos gardas civís
apurrados por aquel repugnante personaxe foi un dos espectáculos máis odiosos
que xa presenciei na miña vida.”
Non recollo a cita porque teña noticia que
dar do odioso espectáculo, nin do fuxido acurralado polos gardas encirrados polo
“repugnante personaxe” senón simplemente por identificar o “tipo gordo e
grotesco” que levaba un cinto da Falanxe.
Na verdade o tal Erasmo era un persoeiro ben
coñecido na sociedade viguesa, nomeadamente en Bouzas e Alcabre, tanto antes do
golpe de estado como despois do mesmo, cando se convertería en paradigma do
terror. En 1932, Erasmo Montenegro Costas forma parte como Depositario e
integrante da Comisión de Navegación e Pesca da directiva da “Sociedad de
Armadores de Buques de Pareja “La Marítima” de Bouzas”. Era esta unha
asociación patronal cun elevado grao de participación interna que xogaba un
papel especial na vila de Bouzas, onde algúns sectores seguían desgustados pola
anexión deste concello ao de Vigo (1904). “La Marítima” actuaba como representación destes sectores.
Nos anos da República bateuse duramente coa mobilización obreira que tivo o seu
punto álxido na folga de 1932 que estudou o colectivo Xerminal (O movemento obreiro en Galicia, Xerais,
1990).
Ora, quen sabe ben de Erasmo Montenegro é
Antonio Monroy, fillo de Adolfo Monroy Figueroa, fogoneiro e dirixente do
Sindicato de Industria Pesquera de Bouzas, adherido á CNT, que apareceu morto
fronte ao cemiterio de Mos o 10/11/36. Á súa beira apareceron tamén os
cadáveres do mariñeiro Hermenegildo Andrés Castro, domiciliado en Lavadores,
pero nacido en Alcabre; do fogoneiro, natural e veciño de Bouzas, José María
Maneiro Pereira e do mariñeiro, de Coia, Antonio Cerqueira Pousada. O grupo
completábase con outros catro cadáveres.
Antonio Monroy lembra ben que o coche no que
levaron o seu pai era o de Erasmo Montenegro convertido no “coche fantasma” que
asolou a beiramar do vello concello de Bouzas na procura dos mariñeiros
proletarios.
Lembra
tamén como anos despois, sendo el un rapaz, acompañou a un seu amigo para vogar
a gamela na que aquel home enorme, de cabeza grandísima e rapada, co seu
inseparable e ancho cinto coas cores da falanxe, gustaba de ir pescar. Lembra
como subiu á chalana, que case afunde co peso, como foi sempre de pé e que ás poucas
vogadas preguntoulle: ti rapaz como te chamas? Antonio Monroy, respondeulle.
Unhas poucas vogadas máis e ordenoulle ao amigo de Antonio: rapaz volve para
terra! Regresaron, agarrou a cana, dun chimpo saltou á terra deixando a chalana
a piques de ir ao fondo e marchou sen volver a cabeza.
Así
lembra Antonio Monroy como o feroz Erasmo Montenegro non foi quen de resistir a
presenza daquel cativo, o oitavo de nove irmáns aos que deixaran sen pai e cheos de fame.
Ese
era o tal Erasmo...
Martes, 7 de novembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario