luns, novembro 27, 2017

Un exceso de historia


Antonte o Tribunal Penal Internacional para a ex-Iugoslavia resolveu o seu último xuízo, case un terzo de século despois de constituírse, e condenou o xeneral serbio-bosnio Ratko Mladić a cadea perpetua por “compartir a intención”  e o “obxectivo criminal” do exterminio de bosníaco-musulmáns durante a guerra de Bosnia (1993-1995).

A moitos de nós aquel acelerado devalo dende a racionalidade federativa a enzoufarse en sangue, dende a convivencia pacífica de catro décadas ao odio asasino, da aparente unidade da Liga dos Comunistas á guerra fratricida, por moi grave que fose a situación económica, sorprendeunos, e horrorizounos, por mor do noso descoñecemento tanto da realidade iugoslava como da anterior historia dos Balcáns.

Dedicámoslle algún tempo a intentar comprender, mesmo colaboramos nun traballo colectivo, xunto a Xulio Ríos e a Lino Pellitero (O conflicto dos Balcáns. A Ex-Iugoslavia, Ir Indo, 1994) e daquelas reflexións, entre a traxedia, ficoume unha conclusión, que os países que sofren guerras que, sen matizar moito, podemos denominar “civís”, ou ben son capaces de elaborar un relato compartido sobre as súas causas e desenvolvemento, ou ben permaneceran baixo a ameaza da súa repetición en novas circunstancias. No caso da área balcánica, da chamada Iugoslavia de Tito, o que aconteceu é inexplicable sen remontarse ás guerras civís entre partisanos croatas e ustachas croatas, entre chetniks serbios e partisanos serbios, entre serbios e otomanos, sen regresar a Saraievo en 1914, sen desentrañar os baleiros imperiais ou as pretensións dos nacionalismos expansionistas.

Repasando o noso libro colectivo, de hai máis de dúas décadas, batéranme os ollos nun apéndice no que recolliamos extractos dunha conferencia dun intelectual serbio, hoxe denominariámolo serbo-bosníaco, pronunciada en 1937 e titulada “O traslado dos albaneses”. Dicía Vasa Cubrilović: “O erro fundamental dos nosos dirixentes foi esquecer onde se encontraban, nos axitados e sanguinarios Balcáns, e buscar unha solución aos grandes problemas étnicos seguindo métodos occidentais. Turquía implantou nos Balcáns o costume, tomado da lei islámica, polo que a vitoria e a conquista militar e a conquista dun país confiren ao vencedor o dereito a dispor da vida e dos bens do vencido. Dos seus conquistadores turcos, os cristiáns balcánicos aprenderon que a espada non só fai gañar ou perder o poder e a soberanía senón tamén casa e bens.” Cubrilović participara no atentado de Saraievo, foi asesor da monarquía no período de entreguerras, varias veces ministro de Tito e defensor da “limpeza étnica” das terras albanesas. Por outra banda, non está de máis lembrar que discursos semellante podíanse escoitar, naquela altura, en todos, ou case todos, os países de Europa, non pensemos que “occidente” estaba libre destas ideas que levaría ao extremo o réxime nazi coa “solución final”. Nos Balcáns hai un exceso de historia, escribiu alguén que xa non lembro.

Ese exceso de historia ficaría concentrado na vida e nos miolos dun neno nacido nunha aldea a uns quilómetros de Saraievo, no daquela Estado Independente de Croacia (NHD) creado polos ustaša (revolucionarios) do Partido Fascista Croata de Ante Pavelic co apoio da Alemaña Nazi e a Italia Fascista. Aos dous anos o seu pai, un mando partisano, foi asasinado polos ustachas. Aos 15 anos entrou na academia militar onde aprendeu os catro conceptos que sustentaban a Iugoslavia de Tito: unidade iugoslava, socialismo autoxestionario, independencia do PCUS e estado multiétnico. Brillante, chegou a ser o militar máis novo da unidade que mandaba; afiliouse á Liga dos Comunistas e ascendeu rápido na estrutura do exercito iugoslavo controlado por serbios.

Cando Croacia declara a independencia, no verán de 1991, Mladić estaba co exercito iugoslavo na Kraxina e, despois das desercións dos militares croatas, ficará como xefe e ascenderá a xeneral de división. Mais será na súa Bosnia natal onde a furia histórica do xeneral se vai desencadear, converténdose nun autentico líder, nun mito, nun heroe valoroso para moitos serbo-bosníacos e serbios. Mandou as tropas do recén creado Exercito (VRS) da República Srpska que presidía Radovan Karadžić durante os catro anos de asedio a Saraievo  e na matanza de Srebenica.

Cando tomou esta cidade declarou: “Aquí estamos, o 11 de xullo de 1995, na Srebenica serbia, xusto antes do gran día para Serbia. Entregamos esta cidade á nación serbia, recordando o levantamento contra os turcos. Chegou o momento de vingarse dos musulmáns”. Ao día seguinte, nas negociacións cos dirixentes bosníaco-musulmáns e o comandante dos cascos azuis, sobre os desprazamentos de poboación, afirmou: “Alá non pode axudalos... pero Mladić si”.  Naquel mesmo ano foi acusado polo TPIY como responsable da matanza de 8.000 bosníaco-musulmáns indefensos en Srebenica; seica el mesmo revisou os fusilamentos.

Naquela altura a súa filla, unha brillante estudante de medicina, despois dunha viaxe a Moscova xa se suicidara coa pistola preferida do pai. Segundo o forense, Stanković, posterior ministro de defensa serbio, o xeneral pediulle un guecho do cabelo e que lle quitase a bala. No enterro non amosou emoción, pero estaba desfeito, afirmou o médico. A viaxe e suicidio de Ana Mladić deu pé ao magnifico relato, que combina documentación histórica con ficción literaria, de Clara Usón, La hija del Este (booket, 2014).

O heroico xeneral viviu con todas as comodidades e a admiración popular na Serbia de Milosević ata a caída deste. Con posterioridade, con maior disimulo, ata en residencias militares. O goberno serbio ordenou a súa detención en 2011 baixo a presión da Unión Europea que poñía como condición para negociar a incorporación de Serbia a entrega de Mladić. En toda Serbia houbo grandes manifestacións de protesta.

Os serbio-bosníacos vían no xeneral o protector que lles aseguraba bens, casas e vidas. O alto comisionado da ONU para os dereitos humanos, Zeid Ra´adal Hussein, definiuno como “... a personificación do diabo...”. Regresando a Zimbardo e ao libro do que falamos hai uns días en referencia ao capo mafioso Riina, estariamos ante unha “disposición” ao mal ou ante unha “situación” do mal?. A Mladić, os medios occidentais alcumábano “o carniceiro dos Balcáns”, un monstro, mais non será que a vella e histórica carnicería do Balcáns creou un magnifico carniceiro?.


Venres, 24 de novembro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario