Os
territorios son montes e vales, chairas e valgadas, ríos e fontes, bosques e prados...
e sigan a poñer os substantivos que desexen, pero non son xente. Así que non
fun nunca quen de entender cal é o problema territorial de España. Cal é o
problema entre as estepas centrais e as altas montañas pirenaicas, entre as
chairas castelás e as engurras galaico durienses, entre os vales en V e os
vales en U? Il n'y a pas de problème, diría
un valón da Bruxelas, capital de Europa, alterada cos exiliados catalás.
Por
iso son incapaz de comprender que necesidade, que problema, que cuestión de
carácter territorial ten pendente España. Coido que hai unha confusión,
interesada, entre territorio, obxecto físico, concepto xeográfico, e nación,
xente. Aí si que ten unha cuestión por resolver a eterna España, o das nacións integradas
no estado de nome usurpado; Portugal tamén era Hispania. Iso é o que se negan a
admitir as elites estatais refuxiadas no centro peninsular, e esta si que é non
só unha descrición xeográfica, senón tamén política, económica e cultural.
E
as nacións, son xente. E estas organízanse en clases, grupos sociais, intereses.
Non son, o símil é de Beiras, sacos de area conformados por graos idénticos,
similares, amorfos, reiterados. É admisible que unha realidade tan evidente, un
contraste tan estentóreo, entre territorio e nacións con clases sociais
pretenda ocultarse por parte das elites conservadoras do réxime; mais que non sexa
comprendido, non queira ser comprendido, por aquelas que afirman querer rematar
co réxime ou mesmo que afirmen acreditar en metodoloxías marxistas escapa a toda
posibilidade de entendemento; agás que se explique só en función de miserables
estratexias de poder.
A
algúns moléstalles que as nacións se reivindiquen como tales e a través da súa
propia expresión de clases; queren meter todos nun saco de area, queren
deslexitimar a vontade independentista, dunha parte da sociedade catalá,
apelando á solidariedade territorial das
rexións pobres coas rexións ricas. Argúen isto dende posicións de esquerda e
acusan o movemento independentista de
estar ao servizo da “gran burguesía catalá” interesada no incumprimento das
súas obrigas solidarias coas rexións pobres como é o noso caso. Sempre lles temos
que estar agradecidos aos de fóra por que nos deixen vivir. O argumento vén ser
semellante ao de “España nos roba”, difundido por algúns sectores da burguesía
catalá.
Ao
chegar a este punto os territorios múdanse en cidadáns. O problema territorial convértese
nun problema fiscal: os impostos non os pagan os territorios senón os cidadáns,
di a esquerda española. Pero en que quedamos, ou son cidadáns ou son
territorios. Se son territorios, páganos en Cataluña e van para Andalucía. Se
son cidadáns, que cidadáns catalás os pagan e que cidadáns andaluces os
reciben? Porque falta parte do intríngulis. Os impostos, está ben, non os pagan
os territorios, senón os cidadáns, pero hai uns cidadáns que pagan impostos,
mesmo moitos, e outros que pagan poucos, ou case nada, e isto ten que ver coas
clases sociais, as que hai en Cataluña e en Andalucía, por poñer un caso.
Nos
países de réximes neoliberais, como é notorio, as achegas impositivas proveñen
das rendas do traballo e non das rendas do capital, e por demais sabemos, no
Reino de España coñécese ben o asunto, que as grandes fortunas e as grandes
corporacións industriais teñen moitas formas de escaquearse. Ten moito máis interese, para a esquerda, a
solidariedade de clase para corrixir as desigualdades sociais que falar do saco
de area territorial.
É
certo que unha parte da clase traballadora catalá é contraria á independencia, en
ocasións por razóns de identidade de orixe, en especial a que procede das zonas
deprimidas economicamente por unhas elites que só pretenden conservar a
situación, como por exemplo en Andalucía, onde hai hoxe mais latifundios que en
1930 e o 50% das terras cultivábeis está en mans do 2% de propietarios, tras
décadas de goberno da esquerda oficial; ou da Galicia interior sometida ao
abandono por unhas elites locais que non fan máis que reproducir os mecanismos
de poder da fidalguía administradora, tras décadas gobernada pola dereita
oficial.
Mais
non é menos certo, máis ben indiscutible, que a gran burguesía catalá, ou a
vasca, ten os seus intereses unidos ao proxecto de estado español; pos iso os
grandes empresarios colaboran coa estratexia do medo do goberno central
trasladando as súas sedes sociais fóra de Cataluña ou con actitudes agresivas e
ameazantes mantidas pola súa organización, Foment del Treball, contra
o goberno da Generalitat.
Domingo,
5 de novembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario