O
cardeal Arcebispo de Madrid, Carlos Osoro Sierra, publicou unha carta dirixida aos seus fieis anunciando
os actos de beatificación de sesenta mártires: sacerdotes, consagrados e
laicos. O acto, disposto polo papa Francisco, celebrarase o próximo día 11 e
contará coa presenza do cardeal Amato como representante papal.
Os
mártires “dieron su vida por Cristo y con Él durante la persecución de los años
treinta del pasado siglo XX, en varios lugares de España”, di a misiva arcebispal.
Non aclara quen eran os perseguidores, pero sobreenténdese, verdade?, os
perseguidores foron uns, os perseguidos, outros, mais non se di quen era uns e
outros, porque xa se sabe.
Non
sigo en detalle as listaxes de beatificacións por mor da eufemística
“persecución relixiosa dos anos trinta”, mais lembro que no mes de outubro de
2007 o Papa Bieito XVI beatificou, dunha atacada, un total de 498 mártires por
idéntico motivo; acta literal: “deron a vida por Cristo durante a persecución
relixiosa dos anos trinta do século XX en España”. O rito relixioso tivo
daquela unha dupla excepcionalidade, por unha banda polo carácter masivo e por
outra por celebrarse en Roma e non nas dioceses relacionadas coas persoas
homenaxeadas.
Na
altura o número de relixiosos e relixiosas beatificados por sufrir persecución
e morte, fundamentalmente, nos derradeiros meses de 1936, elevábase xa a 966.
Non sei se me queda fóra algunha serie pero agora alcanzaría a cifra de 1.026. A
estes habería que sumarlles outras once persoas que xa foron elevadas aos
altares da santidade.
En
2007, cando o portavoz episcopal deu a
coñecer a masiva beatificación sinalou que “as guerras teñen caídos dun ou
doutro bando, as represións políticas teñen vítimas, sexan dun ou outro signo.
Só as persecucións relixiosas teñen mártires, sexan dunha ou outra ideoloxía,
dunha ou outra preferencia política ou incluso de distintas confesións
relixiosas”. Xa que logo o que sucedeu en España entre 1936 e 1939 foi unha
persecución relixiosa ou cando menos deduzo iso destas aseveracións. Suponse
que a persecución foi contra os crentes no catolicismo, aínda que non aclaran o
motivo dos perseguidores. Realizan, iso si,
unha, distinción de moral escasa entre mortos correntes e mártires. Cun
tratamento van as vítimas da guerra ou da represión política, “dun ou doutro
bando” din; aínda que ao mellor tamén as hai de ningún, digo eu, ou como din
nos telexornais “colaterais”. Os outros son mártires, que seica ata poden ser
de distintas confesións relixiosas. Descoñezo se entre eles se inclúen os
mártires de Al-Aqsa, Al Qaeda ou semellantes.
Volvendo
ao rego. Daqueles 498 mártires só sete eran laicos e dezasete procedentes das
dioceses galegas, ás que tamén poderiamos sumar algúns dos 26 nacidos na
diocese de Astorga. Sete naturais da de Ourense, outros tantos da diocese Santiago e un da de Mondoñedo, Lugo e Tui,
respectivamente. Todos foron asasinados en 1936, agás Manuel Gómez González,
natural de Ribarteme, que morreu no
Brasil en 1923. Ningún foi asasinado en Galicia. Todos residían fóra.
Entre
os 58 novos beatos e dúas beatas hai tres de orixe galega: Benito Paradela
Novoa, de Amoeiro; José García Pérez, de Teis, Lavadores e Dorinda Sotelo
Rodríguez de Lodoselo, Sarreaus. Aos dous primeiros matáronos en Madrid; a ela
en Barcelona.
No
noso país só se masacrou aos dun bando, entre eles a moitos católicos
fervorosos. Ningún deles figuran nas extensas listaxes papais, ningún deles foi
recoñecido como vítima de persecución. Discriminan entre os seus propios crentes.
Non parecen moi ecuánimes estas homenaxes.
Para
a igrexa católica, “nos anos trinta” en España, só houbo un bando perseguido. Para
a institución católica non houbo curas de pistola ao cinto e saúdo falanxista;
non houbo predicadores incendiarios que encirraron os matarifes; non houbo
curas santificando execucións extraxudiciais; nin ordenes relixiosas rexendo a
represión en cárceres, campos de concentración ou campamentos de traballos
forzado; nin párrocos delatores que condenaban cos seus informes en consellos
de guerra, en expedientes de depuración de funcionarios; non houbo párrocos que
condenaban a morte negando avais; non houbo curas e monxas na trama, que só agora
comezamos a coñecer, do roubo e secuestro de bebés; a institución maltratou os dignos
sacerdotes que se negaron a colaborar coa represión. Poderiamos continuar co
prego de descargos.
A
igrexa católica converteuse no sostén ideolóxico dos sublevados, no que
denominamos nacional-catolicismo; santificou o golpe de estado como unha
“Cruzada de Liberación”; exerceu unha durísima represión moral; beneficiouse co
monopolio do sistema de ensinanza represivo; apropiouse de múltiples
propiedades. E, de novo, poderiamos continuar
o prego de descargos.
E
non só nunca insinuou un leve arrepentimento, nin por suposto amagou cun “mea
culpa”, nin se desculpou ante as vítimas, nin sequera aquelas que lles tiraron
a vida co nome de Cristo nos beizos, senón que sempre se opuxo, con vehemencia,
á recuperación da memoria co argumento de que é remexer no pasado, reabrir
feridas e unha ameaza para a reconciliación e perdón.
O
réxime de 1978 nunca se atreveu a cuestionar o comportamento da institución
católica. Oitenta anos despois, esta persevera no trato sectario cos seus
propios crentes.
Mércores, 8 de novembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario