luns, novembro 13, 2017

A noite dos mozos solteiros


A maioría das vítimas da persecución dos fascistas sublevados, naqueles meses finais de 1936, os de maior actividade criminal, son traballadores, homes maduros, de entre trinta e cincuenta anos. Non fixen un traballo estatístico ao respecto, pero é unha evidencia despois de manexar case duascentas actas de defuncións de concellos situados ao sur de Vigo. Os máis novos case sempre superan os 25 anos e normalmente aparecen acompañados de cadáveres doutras persoas maiores.

Se nos atemos ao concello de Mos, os vinte e seis crimes rexistrados, facendo excepción dos tres casos dos que imos falar despois, agrúpanse do seguinte xeito: menores de 25 anos (3), entre 25 e 30 anos (5), de entre 30 e 40 anos (12), maiores de 40 anos (3).

Chamoume pois a atención o agrupamento que fixeron os criminais o 22 de setembro. Na madrugada daquel día, sobre as catro, mataron na parroquia mosense de Cela tres mozos solteiros. Os seus cadáveres apareceron á beira da estrada, aínda hoxe revirada, O Porriño – Gondomar, nomeada PO-331. A acta é do 25 de setembro, mais na mesma indícase que foron asasinados o vinte e dous.

Tres rapaces de Coruxo. O primeiro recollido no libro de defuncións é Basilio Rodas Pérez, nacido en Bos Aires, fillo de Adoro e Esmeralda, residente no Couto de Abaixo, Coruxo, de profesión albanel. Cumprira 18 anos.

O mesmo oficio tiña Manuel Costas Comesaña, tamén vivía en Coruxo, no Breadouro, aínda que nacera en San Paio de Navia. Alcumábanlle “Ligero”, como ao seu irmán maior Javier. Era fillo de Manuel e Brigida. Tiña vinte e un anos.

Javier  incurso en dúas causas (52/37 e 646/37) nacera o 3 de decembro de 1909, tiña pois 27 anos cando chegou Atila, estaba casado, era labrador, natural de Coruxo e veciño de San Miguel de Oia. Foi perseguido con asañamento polo xefe da Falanxe de Canido, Jesús González Estévez, alcumado “Cochón”, quen entre outras propiedades rexía un celebre hotel-restaurante.  Botou 12 anos agochado en tobos, na súa casa e na doutros veciños. O silencio salvouno, as paredes non oíron. Seica foi un cura quen preparou a súa entrega ás autoridades para a cal elixiu a data do doceavo aniversario do golpe de estado. Entregouse o 18 de xullo de 1948. Viviu o suficiente para poñer a garabata vermella e ir votar polos seus.

A memoria histórica está morta. Con esta contundente frase respondeume hai bastantes anos unha sobriña do “Ligero”. O seu pai estaba xa morto e nunca lle falara do que pasara cos seus irmáns. Dicíame ela: só repetía “as paredes oen” para, inmediatamente, regresar ao silencio.

Por fortuna Bernardo Vázquez Acuña foi quen de rachar o manto de esquecemento e narrarnos, para quen queira escoitar, o que pasou co “Ligero” e os seus conveciños de San Miguel de Oia no seu magnifico traballo de investigación Memoria dunha parroquia republicana. San Miguel de Oia-Vigo na década dos trinta, publicado polo Instituto de Estudos Vigueses en 2015.

O terceiro cadáver era o de Eladino García Estévez, andaba nos vinte e catro anos, nacera en Coruxo, pero vivía en San Miguel de Oia, no barrio de Figueira. Os seus pais chamábanse José e Venancia e  gañaba a vida como mariñeiro.

Tres vidas breves a quen os que asasinaban no nome de Deus e de España lle roubaron os días e os anos.

Xoves, 9 de novenbro de 2017



Ningún comentario:

Publicar un comentario