Nunca
pensei que o “procés” catalá chegase a enrabiar tanta xente que eu consideraba
máis ou menos progresista, máis ou menos de esquerda, con profundos valores
democrático- formais. Tras este outubro atolado fiquei un tanto preocupado.
Asistín
a discusións, un chisco excitadas, por exemplo poñendo en cuestión a
brutalidade coa que se comportaron as forzas policiais españolas o día do
referendo, que seica non houbo pero no que se votou; nalgúns sitios, despois de
levar, as persoas que levaban papeletas seica inexistentes, unhas cantas
trompadas, impartidas por uns xigantes disfrazados con armaduras templarias.
De
non haber estes medios de agora, mesmo chegarían a negar a existencia de
broucazos e urnas. Mais non é isto o que me preocupa, senón asistir a debates
relativizadores, case “negacionistas”, de que bó! ao final non foi para tanto; actuaron
sen maiores consecuencias; os feridos non pasaron dunhas magoaduras; nalgúns
casos foron “fakes” como o da señora esa dos dedos...
Rematan
chegando os superheroes. Se tivesen que correr diante dos grises coma nós...;
seguido dun sorriso cómplice, entre cínico e irónico. En moitos casos non me
cadran os anos; noutros sei que as carreiras foron escasas e sosegadas.
A
segunda fase de enxalzamento heroico chega co debate sobre o carácter dos
“consellers” presos ou no exilio. Nin unha cousa nin outra. Vale, uns están
presos, pero por incumprir a lei, que problema teñen; os outros están en
Bruxelas vivindo en hoteis cun monte de estrelas. Non se poden catalogar como presos
políticos, conclúen taxativamente. Duro e inxusto.
O
outro día dirixentes da esquerda española descualificaron a calidade política
do encarceramento do vicepresidente Junqueras e dos outros “consellers”, mesmo
atacaron o dirixente de Podemos por atreverse a dicir estas cousas e, en contraste,
sinalaban que eles, os encarcerados no franquismo, eses si que eran presos
políticos. O outro día un amigo recordábame que a el o torturaran e que el fora
un preso político pero estes de agora que... A panoplia superheroica
despregada.
O
psicólogo social de Stanford, Zimbardo, indubidábel autoridade nestes asuntos
de presos, carcereiros e heroísmos, escribe: “En general honramos los actos heroicos
de las personas valientes, pero no lo hacemos si esos actos tienen un coste
inmediato y tangible para nosotros y no podemos entender sus motivos”.
E
evidente, se consideramos que tal ou cal acto ten un prezo para nós, individual
ou colectivamente, e por riba non o comprendemos, ou non estamos dispostos ao
esforzo de comprensión preciso, podemos exacerbar heroísmos míticos, no sentido
de pasados, non de que non fosen reais, e rexeitar actitudes valentes actuais.
Os
presos de conciencia son presos políticos, os presos por roubar, aínda que os
encareceren moito tempo despois ou nin o fagan, son ladróns. Os estados
encarceran por incumprimento das leis. Os rapaces da miña quinta que metían no
caldeiro por propaganda ilegal, ou por centos doutras acusacións, érano por incumprir as leis da ditadura e
sabían ben que o facían, tiñan motivos e asumían os seus custos, por iso os
considerabamos como represaliados, e incumprían as leis, porque para cambialas,
cando o poder non quere facelo, hai que rebelarse contra elas e desobedecelas.
Os
dirixentes catalanistas apresados sono por motivos que eles valoran e asumen as
cargas que lles trae incumprir leis que consideran inxustas e que quen ten
capacidade para cambialas négase, polo que é lexitima a desobediencia civil. Di
Zimbardo: “Las semillas heroicas de la resistencia germinan mejor si todos los
miembros de una comunidad comparten la voluntad de sufrir por unas metas y unos
valores comunes”. A comunidade catalanista, e unha parte moi grande, case, ou
sen case, a metade da sociedade catalá comparte motivos cos seus presos e asume
os seus custos.
Ben
sei que non estamos nunha ditadura, pero cada vez parecéselle máis. Pódese
estar a favor ou en contra da independencia de Cataluña, poden caernos mellor
ou peor os dirixentes catalanistas; pode, quen queira, rirse do “flequillo”ou
do ollo grolo pero non se poden acusar os representantes elixidos polo voto
popular de sedición ou rebelión, delitos propios dos exércitos do século XIX e
que empregaron os sublevados do 36 para prender e fusilar os defensores da
República. Non se pode meter a xente no cárcere polas súas ideas. E menos
admitilo baixo unha tartufa lexitimidade progresista ou esquerdista.
Sábado, 11 de novembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario