O
profesor e político canadense, liberal, federalista e férreo opositor ao
nacionalismo quebecois, Michael Ignatieff escribe en Sangre y pertenencia.
Viajes al nuevo nacionalismo (1993, hai
una reedición de 2016): “Siempre se dice
que la agresión comienza por la negación, y que la violencia nace de la culpa”.
Hai
moitos anos, cando andaba a visitar rexistros de diversos concellos para
consultar libros de defunción e tirar datos de persoas paseadas ou fusiladas
despois da sublevación militar-fascista de 1936, atopei, no de Tomiño, uns
actos do terror que me impresionaron.
Aconteceron na parroquia de Tebra.
Naqueles
días, infortunadamente, viviron xornadas de horror e traballo os veciños de
Tebra, de Santa María, que, a ben seguro, atoparon axuda e consolo nalgúns
veciños da homónima parroquia de San Salvador. O cemiterio foi un constante ir e vir de xentes traendo
cadáveres. No rexistro civil de Tomiño están asentados o 24 de setembro os
tranviarios: José Cabreira Valverde, de Nigrán; Horacio Rouco Álvarez, de
Coruxo; Marcelino López Ameneiros, de Lavadores; Álvaro Soliño Araújo, de Teis
e Jacobo Barreiro Pereira, de Vigo. Os cinco enterrados no cemiterio de Santa
María de Tebra. Non eran os primeiros, nin serían os últimos.
A
traxedia chegara xa unhas horas antes á parroquia dominada pola poderosa torre
medieval e polos máis de dous metros de diámetro do espectacular petróglifo
circular do monte Tetón. O 22 de setembro, ás 12 da mañá, o xuíz municipal de
Tomiño procede a asentar no rexistro os cadáveres de José Groba Domínguez, de
30 anos; de José Groba Rodríguez,
casado, de 27 anos; de Antonio Francés Carpintero, tamén de 27 anos, casado con
María Rodríguez González, quen deixou dúas fillas, María Elena (6 anos) e Adelina
(5 meses), chofer, activo militante socialista, detido e encartado na causa
574/36 da que ficou excluído, mantivérono “preventivamente” detido ata a noite
do 21 de setembro en que foi “sacado”.
O
seu irmán, Eleazar, de 25 anos, casado con Loreto Pereiro Pérez, quen deixou un
fillo de dous anos que conservou o seu nome. Segundo testemuño de Raúl Francés
Valverde, recollido por Paz Antón en O Porriño, 1936 (2007): “A Eleazar fórono
buscar á casa nun coche e saltou por detrás pero non puido fuxir. O seu pai
díxolle aos fillos que non tiveran temor, que nada malo fixeran. No forcexo do
seu apresamento Eleazar agarrouse con forza ao automóbil onde trataban de
metelo á forza e no momento de pechar a porta tronzáronlle os dedos que caeron
ao chan. A súa nai, Orícera, recolleu aqueles dedos amputados. Leváronos a
matar a Tebra.”
Finalmente,
di o escribán municipal, “un portugués que dicen ser José Rocha”. Os cinco eran
veciños do Porriño, os cinco foron asasinados no monte Salgueiro, os cinco
foron enterrados en Tebra. Sobre estes cinco veciños do Porriño e, en xeral,
sobre a persecución franquista nesta vila e na Louriña é imprescindible
consultar o libro de Paz Antón.
Entre
as diversas notas do xuíz atópase unha carta manuscrita do pai dos dous irmáns
asasinados, José Francés González, na que se fai unha minuciosa relación que
inclúe o nome dos pais dos mortos, dos avós paternos e maternos e mesmo dos
proxenitores das mulleres dos asasinados. A misiva ten un pouso de enorme dignidade. Nela a familia, ao completo
e conxuntamente, identifica e reclama os cadáveres dos seus mortos.
Diciamos
que non serían os últimos cadáveres aparecidos en Tebra os dos cinco empregados
de Tranvías de Vigo. Así foi, o 26 de setembro quedou inscrita a defunción de José Rodríguez Vigo, de 35 anos de idade,
solteiro, domiciliado no nº 33 da rúa Uruguai de Vigo, de profesión mecánico
dentista e natural de Fisterra. O cadáver apareceu en Padrón, na parroquia
regada polo Cereixo, ou Briña, que baixa con présa dende as terras altas de
Pinzás cara ao Miño. Foi enterrado no cemiterio parroquial e identificado por
un carné internacional e a testemuña dun comerciante tomiñés. Entre o 22 e o 26
de setembro de 1936, os cadáveres de once traballadores recibiron a terra nesta
encimada parroquia do Baixo Miño.
Martes,
31 de outubro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario