Gumersindo Rodríguez, o panadeiro de Tui |
Circula
estes días unha petición por internet, para recadar sinaturas, na que se reclama
a retirada da estatua dun importante personaxe da vida política española do
primeiro terzo do século pasado. Tudense de nacemento; recolledor de votos en
Ourense, en concreto no distrito do Carballiño; como galego dócil, fachendoso
da súa carreira como funcionario na Corte; éxito burocrático que aproveitou
para medrar na política durante a ditadura de Primo de Rivera e en leve
movemento, achegarse, nos anos da II República, a un fascismo corporativista de
evidente inspiración mussoliniana como líder dun pequeno partido monárquico-fascista denominado Renovación
Española. É evidente que nos estamos a referir a José Calvo Sotelo, que nas
moitas eleccións ás que concorreu nunca se lle pasou pola mente facelo polo
distrito da súa cidade natal.
Como
ben saben as persoas lectoras, o seu asasinato empregárono como escusa os sublevados
para xustificar o levantamento militar. Fixo uso, en especial, dese tartufo
argumento o xeneral Franco que o converteu en heroe-mártir tan do seu gusto e da
España gustosa de dramas apocalípticos que reverdece nos tempos actuais. Neste
mesmo blog, hai tempo que incorporei unhas reflexións sobre o asasinato de Calvo Sotelo.
Oitenta
e un anos despois da súa morte a estatua deste autoritario e provocador
político segue a ocupar un lugar senlleiro na cidade nun espazo engalanado con
heráldicas pedras. Alí nunha das cidades de Galicia en que a persecución
fascista foi mais terríbel, se neste asunto se puidesen facer gradacións.
Coido
que a petición ten un algo de sa acracia provocadora xa que ao tempo de
solicitar a retirada, demanda que esta sexa substituída pola dun personaxe “moito
máis actual, moderno e coherente”, a de Evaristo Páramos, integrante, entre outros, do irreverente grupo
"La Polla Records", do que descoñezo se ten algunha relación co
libertario cerralleiro de Caldelas, Domingo Páramos do que falabamos onte.
Non
son eu moi de estatuas, nin de nomes de persoeiros nas rúas. Dáme a min que
tampouco o Evaristo Páramos é moito destas cousas agás como irreverencia
desenmascaradora da hipocrisía dos que sempre queren ser o noivo na voda e o
morto no enterro.
Non
estatua, mais si recordo é o que me gustaría que houbese en Tui, e en Galicia,
cun personaxe, tamén político, crucial para a historia dese tempo, o panadeiro
e dirixente sindical e anarquista Gumersindo Rodríguez.
De
“santo laico” cualificouno o doutor Darío Álvarez Blázquez que, digo eu, ben merecía un recoñecemento pola súa valente
tentativa de recuperar a memoria das vítimas do franquismo, cando había que
facelo, no remate da ditadura. Na terceira das súas “Historias de
Fuxidos”, publicadas en La Voz de Galicia entre os meses de maio
e xuño de 1977, titulada “Ao día seguinte” (08/05/1977), infórmanos de que o
que logo sería líder da CNT entrara de
cativo a traballar na panadería da familia da súa sogra. Esta ao decatarse da
intelixencia do rapaz pagoulle unha mestra e o Gumersindo converteuse nun
dirixente obreiro de ampla formación política e intelectual. Ao referirse a el
di o cóengo Silva Ferreiro, autor da gabanza dos fascistas sublevados, titulada Galicia
y el movimiento nacional-Páginas históricas: “Sujeto de gran prestigio entre el elemento obrero y al que seguramente se
debe que los sucesos de Tuy no hubieran revestido mayor gravedad. Temía
comprometer el triunfo revolucionario con el derramamiento de sangre y solo por
esto (nos han informado) trató de evitarlo”.
Sábese
que Gumersindo, o panadeiro, exercía unha ampla influencia e liderado entre os
traballadores, nomeadamente nos numerosos círculos anarquistas. Por
proximidade, como mínimo, debeu ter relación cos principais líderes anarquistas
baioneses: Pepe Villafines e Pepe Saluto ou Pepe de Inés, un dos Ineses ou dos fillos
de Inés, de apelidos López Luís.
Venres,
17 de novembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario