xoves, novembro 02, 2017

O Batallón Galicia nº 19

Foto J. Soliño
Comentabamos onte os nosos bandeos polas terras eo-naviegas da Fonsagrada. Anotabamos a tristura e  a carraxe ao pasar polo alto do Acebo  e recordar aquel mes de outubro  de 1937. O Acebo ficou para sempre unido ao Batallón Galicia e ao seu comandante, o anarquista coruñes  José Moreno Torres, “comandante Moreno”.

Tras a caída de Asturias, os dirixentes militares do Batallón Galicia, con evidente risco de ser executados, prepararon a fuxida polo porto de Xixón. Un grupo duns 15  chegaron tarde e perderon o barco. Decidiron regresar a Galicia polos montes do interior. Na noite do 29 ao 30,  ao chegar ao alto do Acebo, dividíronse en dous grupos. Un de nove foi sorprendido polos falanxistas, executados e enterrados, oito nunha foxa común e o noveno no cemiterio da Fonsagrada. Os membros do segundo grupo, entre eles o “comandante Moreno”, foron capturados e executados nos días seguintes.

Ao remate de setembro de 1936 as Milicias Antifascistas Galegas e membros da Confederación Regional Galaica da CNT formaron o Batallón de Milicianos de Galicia, con posterioridade denominado polo Estado Maior co número 19 dos de Asturias. Foi o seu primeiro comandante o anarquista José Penido Iglesias. O Batallón formouse con moitos galegos (Gardas de Asalto fuxidos de Galicia, soldados de quinta, desertores das unidades franquistas, etc.) pero tamén con asturianos e cántabros. Ao Batallón incorporouse   un importante grupo de anarquistas da Coruña que lograran fuxir  nunha motora. Entre eles estaba José Moreno Torres, quen, co tempo, sería Comandante do Batallón.

 Entre os que acompañaban o “comandante Moreno”  no alto do Acebo estaba o vigués Luís Rafael Villar Sánchez, sarxento da Plana Maior, nacido en 1910, fillo de Luís Rafael e de Carlota,  casado, debuxante e afiliado á CNT.

O infortunio do comandante Moreno e os seus compañeiros ficou gravado na memoria das xentes brañegas e difundido por un cantar de cego recollido pola musicóloga Dorothé Schubart e o investigador Antón Santamarina.  Os cadáveres foron exhumados entre 2007 e 2008 e identificados pola ARMH e onde foron localizados a maioría dos asasinados  sinalado como lugar de memoria.

     
     Nas listaxes de integrantes do Batallón Galicia elaboradas polo investigador Eliseo Fernández figuran catro veciños do Val Miñor. Na 3ª compañía estaba o mariñeiro de Nigrán, afiliado á CNT, Laureano Pérez Valverde. Indicara que o proxecto Nomes e voces recolle a referencia a Cipriano Pérez Valverde “Chorizo”, mariñeiro de Nigrán de 45 anos que andara fuxido,  fora detido e xulgado en Vigo por auxilio á rebelión e condenado a 15 anos de prisión. Ignoramos se hai algunha relación entre ambos. Segundo declaracións que recolle Juan González Pérez no seu libro Nigrán, memoria dunha guerra era o presidente do Sindicato de Mariñeiros de Panxón.

Da 1ª compañía  formaban parte o labrego gondomarés Faustino González González; o tamén labrego, de Nigrán, Francisco Santos García e o mariñeiro deste concello, afiliado á UGT, Eugenio Rial Prado. Deste último a base de datos de Nomes e Voces infórmanos de que tiña 26 anos, era veciño de Priegue, foi xulgado  en Ferrol por desertor e, capturado polos sublevados, foi enviado a un batallón de traballadores.

Luns, 30 de outubro de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario