Teño
sensación de fortuna por vivir estes momentos. Tempos revoltos, de cambio, de
transformación, de novidade e incerteza, de mudanza de fondo aínda que, ao
remate, só cambie a tona. Non é moi frecuente que unha xeración viva dous
momentos deste cariz. Como é sabido Hobsbawm gustaba de partillar o estudo da
historia contemporánea en ciclos temporais, curtos e longos. Os ciclos de
cambios máis profundos saíanlle duns corenta anos.
Meu
pai, por exemplo, que desexaría que estivese para poder vivir estes tempos
avoltos, naceu pouco antes da república polo que non a viviu; levou o negror como
puido ata o gran momento da súa xeración, a transición. Percorreuna cos temores
e responsabilidades dun home adulto cunha familia a depender del. Foi plenamente consciente de que naqueles
anos setenta estaba a cambiar o mundo no que el fora rapaz e adulto e que
dalgunha forma xa non sería o de antes. Viviu o gran momento da súa xeración,
consciente pero limitado para sentilo coa esperanza do cambio.
Vivín
eu ese momento con vinte e poucos anos. Participei cos medos e temores propios
de pretender derrubar unha ditadura que aínda espernexaba e fiquei, como moitos,
coa sensación de que se tratou dun acordo entre xamoneiros de Dacón, ou entre
tratantes de Garabás, para mal pagar o
xamón, ou o xato, segundo o caso, ao paisano. Vivino coa intensidade da
esperanza do cambio.
Coidaba
que o momento esplendoroso da miña xeración xa se dera; esquecérame dos ciclos
de Hobsbawm. Precipitaron a extorsión das clases traballadoras e o exterminio
das clases medias; a crise arrastrou toda unha camada moza que estourou en
revolta pero non atinaron a sumar todas as contradicións e daquela “... si la
protesta es absorbida y pasa a formar parte del sistema, la desobediencia se
reduce y la rebelión se aplaza”, escribiu o psicólogo social P. Zimbardo.
Así
foi, a protesta ficou limitada e aprazada temporalmente ata que rebrotou onde
foron quen de ir sumando as coordenadas:
esquerda-dereita, autodeterminación-centralismo. Nesas andamos, sen a
ilusoria insensatez de cando tiñamos vinte e poucos anos pero coa mesma
esperanza no cambio que daquela e a incerta sensación tanto de que o mundo
deste derradeiro ciclo longo será diferente ao da nosa vida activa como de que
tivemos a sorte de vivir ata que o engano dos tratantes foi descuberto, pola
acción da critica e do tempo, cando menos a ollos da parte máis formada e
lúcida da sociedade.
Seica
os chineses poden maldicirte desexándoche que “vivas tempos interesantes”; isto
é tempos convulsos, alterados, incertos, de transformación. Na súa rutineira
racionalidade confuciana prefiren o sosego dos tempos inalterados, do constante
pasar baixo o designio do “señor dos dez mil anos”.
Prefiro
a intensidade do momento ao apouvigado suceder de instantes.
Venres,
3 de novembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario