mércores, novembro 29, 2017

A banalidade do imperio


A Pablo Casal

Non pretendo facer una chanza co termo acuñado por Hannah Arendt para referirse ao terrible mal dun dilecto, e falsario, funcionario como Adolf Eichman, senón aproveitar o nesgo, menos tráxico, da verba empregado por Michel Billing para falar da exuberante e permanente exhibición nacionalista que fan os estados-nación ao aproveitar calquera lugar ou circunstancia para afirmar a súa condición nacional, sexa nas camisetas dun equipo de fútbol, nas bandeiras ensartadas nos anuncios dunha gasolineira, nos xornais nacionais ou nas cadeas de televisión, tamén nacionais por suposto.

Tamén o imperio gusta de amosar o seu dominio e ver como as provincias reproducen os dicires e praceres do centro. Así que despois de reciclar as pizzas, estragar as hamburguer, regarnos con “coke”, endurecer as “chips” e agasallarnos cun  “catering” intragábel, iso si con moito “look”, moi “chic” e “casual”, agora queren que vaiamos mercar o “black friday”, isto é, ao día seguinte de que eles se enchesen de pavo, seco como coiro de vaca morta por moito whisky que lle inxecten. Algunha cantidade excesiva deben meterlle para que os empresarios coiden que é máis rendíbel darlle o día libre aos traballadores para que vaian gastar os cartos que ter que pechar porque os empregados aduzan, ano tras ano, unha repentina enfermidade.

Se o goberno desta provincia imperial fose tan fachendosa como cando se atemoriza pola perda da españolidade de Cataluña debería acordar un día festivo para ir de compras entre o festivo de celebración constitucional, mentres dure, e o día da Inmaculada, que semella que vai durar máis tanto por non ter mancha como porque  os negocios da Igrexa tenden a perdurar, no tempo e na rendibilidade.

Seica os provincianos caeron na trapela e correron, o venres ese, a mercar como posesos. Cando menos segundo me comentou unha boa amiga, asustada,  a quen se lle ocorrera ir a Vigo e tivera que regresar entolecida polo trafico e a cantidade de xente que rebordaba nos centros comerciais á procura da “ganga” desexada, que segundo me din é case sempre falsa. Seica, nos USA, chantan tendas de campaña na rúa para entrar nas tendas tan pronto abran. Hai anos aquí tamén había escenas de pánico e pelexas cando comezaban as rebaixas de xaneiro. Dende a crise os comercios fan rebaixas cando queren e perdérase esa emoción polo consumo que parece reviviu co tal “black friday”.

A verdade é que non entendía moi ben a que viña o de “black”. Nestas linguas machistas e racistas das nos dotamos os humanos a tal palabriña, e as súas traducións, anuncia desgrazas e non rexoubas dilapidadoras. Non atopei explicación convincente. Uns din que os policías de Filadelfia comezaron a chamarlle así polas leadas de tráfico que se montaban; outros porque as caixas rexistradoras dos pequenos comercios deixaban de estar en vermello e pasaban a negro; aínda hai quen fala de que a adxectivación vén dos servizos de emerxencia ingleses ante a cantidade de borracheiras que tiñan que atender o venres anterior ao Nadal. En fin mesmo hai quen di que a teima procede de que no día seguinte de Acción de Grazas vendíanse os escravos máis baratos, pero isto semella que non é máis que un “fake”.

A mellor estratexia é sempre a asimilación. Nisto de fusión cultural, da multiculturalidade, ou ata da rimbombante “alianza de civilizacións”, non hai como as feiras. Durante anos fun asiduo da do alto de San Cosme ou de San Colmado, en Herbille, Mos, nese territorio de ninguén entre Vigo, Gondomar e Mos ou mellor entre o Miñor, a Louriña e o Fragoso onde prendeu un mercado, dise agora, que non é máis que o aggiornamento das feiras tradicionais, só que sen gando.

Alí á beira da modernidade chantada no monte que é a Universidade de Vigo colleu pulo unha mestura de novos e vellos tempos, de xentes e culturas diversas que escapa ás poderosas garras controladoras de carrefures, alcampos, cortesingleses, mediamarkes e cia.

Mentres os indíxenas locais atenden á venda de produtos da casa: ovos, castañas, mazás, mel ou noces; os foráneos comerciantes locen os seus móbiles postos de embutidos, flores ou froita; os veciños portugueses os de ferramentas de toda caste. Como é sabido os xitanos controlan o sector de roupa e do calzado; os magrebís o das alfombras e similares; uns centroafricanos expenden tecnoloxías diversas e outros están especializados en artesanía tradicional. Escóitanse múltiples falares aínda que o idioma de instalación da feira é, aínda, o autóctono. Non así nos imaxinativos carteis anunciadores escritos en diversas variantes de español entre os que chama a atención os que anunciaban “sojetas”, isto é suxeitadores, e agora o que nos anuncian as rebaixas do “blas fridei”.

A foto que ilustra non é da feira de San Cosme, pero ben podería ser. Andou polas redes e chegoume de varias amizades. Estas xentes son capaces de absorber o mesmo imperio.

Sabado, 25 de novembro de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario