xoves, novembro 09, 2017

Teis, agosto do 36

      
    Este fatídico mes converteuse en protagonista literario dalgunhas das mellores páxinas de creación referidas aos primeiros momentos da sublevación fascista. Lembramos agora, Agosto do 36 de Fernández Ferreiro, Os mortos daquel verán do sempre lembrado Carlos Casares ou Agosto de memoria e morte de Xaquín Fernández Leiceaga, por citar un dos máis recentes.

    Como nos relatos dos autores citados, tamén no Teis obreiro e mariñeiro foron aqueles días de loito e carraxe. Unha das xornadas infames aconteceu nas últimas horas do 13 de agosto ou nas primeiras do día seguinte. No rexistro civil de Tomiño, ás 12h. do 14 de agosto, quedaron inscritos os cadáveres de cinco homes descoñecidos. Os cinco corpos sen vida apareceron no Monte Candeira ou finca do Candeira. Os cinco a causa de “disparos de arma de fuego”. Os cinco foron soterrados no cemiterio da parroquia tomiñesa de Amorín.

     No folio 289 do rexistro citado anótase un cadáver ao que non se lle atopou documentación que o identifique,  representa unha idade aproximada de 30 anos,  viste pantalón de dril a raias, chaqueta de la azul mariño, zapatos de cor abelá, calcetíns castaños, camisa azul claro e camiseta interior de punto branco. Aos poucos días, o 19 de agosto, unha moza, case unha nena, de vinte anos, Joaquina, identifica o  defunto como o seu irmán, Joaquín Avelino Álvarez López, natural da Guarda e veciño de Santa Tegra de Guixar, Teis.

    No folio seguinte inscríbese outro cadáver ao que se lle topou unha cartilla militar naval a nome de José Costas Rodríguez. A descrición di: “Representa ser dunha idade de 27 a 29 anos; viste pantalón e chaqueta cor clara, camisa branca con raias a cadros na “pechera”; zapatos cor abelá clara e calcetíns verde escuro; non ten sinais particulares; cara afeitada”. A súa identificación resulta de “que le fue ocupada una cartilla militar Naval incompleta, expedida en Vigo el 20 de diciembre de 1927, a nombre de José Costas Rodríguez, con residencia en Santa Tecla”

O folio 291 recolle outro cadáver de “un hombre desconocido” que, con posterioridade, sería identificado por Ramona Rodríguez sen 2º como o seu fillo de 27 anos, Cesáreo Costa Rodríguez. Hai algo raro na descrición do cadáver; literalmente  di: “representa una edad de 40 años”; mais como dixemos a súa nai identifícao como de “unos 27 años”. A descrición continúa: “cara afeitada de hará ocho días; viste pantalón de lana gris y chaqueta dril, bastante usada, camisa de percal blanca con pechera con dibujo estampado, sin camiseta interior; calza alpargatas color castaño y sin calcetines”. Segundo nos informa a amiga Amalia Collazo da Comisión pola recuperación da Memoria Histórica de Vigo, Cesáreo era coñecido co alcume de “O Chileno”. Nada sabemos sobre a coincidencia dos apelidos de José e Cesáreo.

    O seguinte nesta tétrica listaxe é outro cadáver, tamén dun descoñecido, que representa unha idade aproximada de 28 anos, a acta aclara “que se ocuparon varias y diversas fotografías sin que ninguna de ellas sea reconocida como del interfecto; una minuta de una solicitud dirigida a la Compañía de Ferrocarril del Oeste, encabezada con el nombre de (ilexible) Barciela y un pañuelo de bolsillo con las iniciais S.B.”. A min paréceme que pon Secundino, aínda que a eficaz Amalia Collazo infórmanos de que, segundo os seus datos, o seu nome era Segismundo.

Amalia Collazo tamén nos informa da afiliación cenetista do último dos cadáveres inscritos, o de Evaristo Melón Martínez. Asentado como “descoñecido”, na acta  recóllese “que se le ocuparon una cartera de bolsillo con los documentos siguientes: un oficio de la Alcaldía de Teis en el que se nombra a Evaristo Melón Martínez, vigilante de arbitrios, fecha 27 enero 1936, otra, del mismo Ayunt., fecha 6 marzo de 1936, en que se nombra al propio individuo Cabo Visitador de arbitrios interino”. O cadáver foi identificado o 14 de setembro de 1936 pola súa nai Angelita Martínez Veiga quen fai constar que tiña 33 anos, estaba casado con Dolores Pérez Cobelas e tiña dous fillos: Angelitas e Dolores. A diferenza dos anteriores que eran de Teis- Santa Tegra, Evaristo era de Espiñeiro.

    As novas que chegaron de Amorín-Tomiño estenderon a dor e o pranto polos fogares obreiros de Teis. Infortunadamente non era a primeira vez. Na parroquia de Sobrada do concello miñoto, levantouse, o 10 de agosto, o cadáver doutro “descoñecido”. Oito días despois Inés de Castro Losa, natural de Bouzas, viúva e veciña de Teis, preséntase no xulgado tomiñés e identifica o cadáver como o do seu fillo Andrés González de Castro,  de 33 anos de idade, solteiro, oficinista e natural da Guarda, fillo de Andrés González, natural de Ourense. O cadáver aparecera no Salgueiro, a causa da morte: “disparo de arma de fuego” e foi soterrado no cemiterio de Sobrada.

A primeira crónica do espanto, o amigo Pepe Cáccamo deixarame empregar aquí o título do seu poemario incorporado ao seu O caderno da ira, iniciado o 18 de xullo do 36 foi inicialmente publicado co título de La Galice sous la botte de Franco (1938), baixo o pé editorial de Jean Flory; o mesmo ano, e tamén en París, hai unha edición en castelán intitulada Lo que han hecho en Galicia. En Buenos Aires editouse co título de Galicia Mártir e o subtitulo de “Episodios del terror blanco en las provincias gallegas” asinado por un tal Hernán Quijano. Finalmente editouse en galego baixo o rotulo de O que fixeron en Galicia, 1936 (A Nosa Terra, 1998); xa en 2005 Ed. Alvarellos reeditouno a xeito de facsímile da primeira edición.

Trátase dunha obra de urxencia de autoría descoñecida, fálase de Luís Seoane nas referencias á provincia da Coruña, de Manuel Benavides para Pontevedra, de informacións sacadas do quincenario Nova Galicia dirixido por Rafael Dieste.... Aínda así os  datos achegados, a descrición xeral dos feitos e a interpretación dos mesmos, fóra dalgúns erros puntuais, son dun rigor e detalle que contrasta coa opinión dos que lle  reprocharon ao relato unha certa esaxeración.    

Neste libro de urxencia dedícanselle uns parágrafos ao asasinato de Andrés G. de Castro, de quen se di que era persoa moi coñecida en Vigo “canciller del consulado de México”. Seica despois do golpe tivo que ir a Portugal por asuntos privados, como non tiña nada que temer solicitou o pasaporte e concedéronllo. Resoltos os asuntos detívoo  a policía portuguesa e entregárono na fronteira dentro dun grupo duns vinte fuxitivos. Di o relato que enrabiados por uns reveses militares os fascistas mataron todos cando chegaron á ponte de Tui. González de Castro, nin era fuxitivo nin adversario do réxime, “Su único crimen residía en el hecho de haber llegado “en un mal momento”, como acostumbran a decir los falangistas cunando quieren escusar uno de sus crímenes”. (p.83)
   
    Unhas horas antes do levantamento do cadáver de Andrés G. de Castro tivo lugar o levantamento doutro, inicialmente identificado por oficio do Alcalde-delegado da orde pública de Tui. Era o de Manuel Nogueiras Cruces. A acta do rexistro civil de Tomiño non dá máis datos persoais. Aclara que a causa da morte foi “disparos de arma de fuego” e apareceu na parroquia de Sobrada; no seu cemiterio recibiu terra. Ao coincidir data e parroquia destes dous últimos asasinados pensamos si sería, tamén, veciño de Teis, mais a ausencia  do seu nome nas longas listaxes elaboradas polas persoas que traballan en sacar  á luz a infamia cometida en Vigo e o feito de que a identificación procedese do delegado da orde pública tudense lévanos a pensar que podería ser veciño da cidade miñota. 

Con posterioridade e grazas  ao amigo Moncho Fernández Leal puidemos saber que Manuel Nogueira Cruces era veciño do Rosal, onde era concelleiro pola Fronte Popular.

Luns, 6 de novembro de 2017




Ningún comentario:

Publicar un comentario