Imaxes de Isaac e Abraham, reclamadas á familia de Franco |
Cantas
veces non teremos escoitado o de “deixade esas cousas”, “non remexades”, “é
mellor non abrir feridas”. E unha e outra vez retornan; as frases e a ferida.
Unha e outra vez sangra, supura, abre, non cicatriza, non cauteriza... O problema
é non só a dimensión da ferida senón que foi tratada en falso, cunhas grampas,
un pouco de betadine, unhas gasas e unhas vendaxes cando se precisaba unha
intervención cirúrxica profunda que a limpase a fondo das graves infeccións
acumuladas durante catro décadas e outras tantas sen cirurxía.
Sexa
pola xestión das visitas a Meirás da que se fachendea a Fundación Nacional
Francisco Franco, sexa polas estatuas de Isaac e Abraham, por citar o que
recolle a prensa ou polas, outro ano máis, necesarias e reiteradas homenaxes a
paseados, represaliados, fusilados... que se concentran en agosto e setembro, e
que non recolle a prensa, e mesmo se dilatan na representación temporal: o
próximo 27, será o 42 aniversario do fusilamento de Humberto Baena e os seus
compañeiros; o día 30 deste mesmo mes, 81 anos despois, en Mos, á beira do cemiterio, lembrarán a memoria, entre
outros, de Adolfo Monroy Figueroa,
Hermenegildo Andrés Castro, José María Maneiro Pereira, Antonio Cerqueira
Pousada, José Amoedo Puentes, Isidro Roque Lusquiños, Manuel Maquieira Solla,
Enrique Ramos Rodríguez. Os oito asasinados na madrugada do 10 de novembro de de
1936.
Por
que? Pois porque supura a ferida. Porque hai unha “anomalía española” en
comparanza cos países europeos que sufriron ditaduras durante o século XX. Unha
anomalía da que é mostra a inconcibíbel existencia legal da Fundación Francisco Franco ata recibindo
subvencións públicas. Imaxina alguén unha Fundación Benito Mussolini en Italia
ou unha Adolf Hitler en Alemaña? Ou que en corenta anos de democracia, o
goberno ou o parlamento (español ou galego), non tivese tempo, nin se lle
acordou!, expropiar o Pazo de Meiras á familia Franco cando é público, notorio,
evidente e documentado con reiteración que foi adquirido con coacción masiva e
roubo á colectividade, seguindo un “método de extorsión” que dona
Carmen ou o “sete empregos” utilizaron con asiduidade.
Ou
que en catro décadas, nin aos gobernos nin aos parlamentos referidos, nin ao
goberno municipal compostelán se lles ocorrese esixir a devolución das imaxes
de Isaac e Abraham, roubadas ao concello de Santiago e reclamadas, hai anos,
pola Asociación de defensa e recuperación do Románico Galego, “O Sorriso de
Daniel”; reclamación á que a familia Franco nin lle prestou atención.
Unha
anomalía que lle permite a un tal Jaime Alonso García, portavoz da Fundación
Franco, afirmar sen consecuencia ningunha que as visitas ás Torres de Meirás se
empregaran para enxalzar a figura do “xeneralísimo”. Ou que a páxina web desta
Fundación siga aberta e se encabece coa frase “Asalto al Pazo de Meirás”.
Unha
anomalía que lle permite ao sistema xudicial ignorar estas denuncias, non
actuar de oficio, desprezalas cando se presentan ou consideralas asunto de
particulares e ao goberno desatender as recomendacións
de Nacións Unidas, dilatar a demandas de tribunais doutros países, non atender
as dos seus cidadáns e despreocuparse de que o Estado español sexa, despois de
Camboxa, onde máis desaparecidos segue habendo.
Precísase
cirurxía para que a ferida cauterice.
Luns,
18 de setembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario